A carreira solidaria Ruta 091 requirirá realizar cortes de tráfico en Ourense
Este domingo, 1 de setembro, a cidade de Ourense verá afectado o tráfico no centro debido á celebración da Carreira Solidaria Ruta 091. O dispositivo especial deseñado pola Policía Local comezará ás 8.00 h e prolongarase até as 14.00 h, co obxectivo de garantir a seguridade durante o evento.
A carreira contará con dúas categorías: a de persoas adultas, que comezará ás 10.00 h, e a infantil, que dará comezo ás 11.30 h. O percorrido da categoría adulta partirá da glorieta da Policía Nacional e pasará por rúas como Curros Enríquez, Sáenz Díez, e avenida Pardo de Cela, entre outras, antes de regresar ao punto de saída. Pola súa parte, a categoría infantil realizará un percorrido máis curto que incluirá a praza de Policía Nacional, rúa Curros Enríquez e o Parque de San Lázaro.
Os cortes de tráfico afectarán varias rúas da cidade. A partir das 8.00 h, as restricións aplicaranse na rúa Curros Enríquez, no tramo entre a avenida da Habana e Otero Pedrayo, na Otero Pedrayo en sentido de saída da cidade, e na rúa Curros Enríquez (Ponte Nova) en sentido centro. A partir das 9.30 h, os cortes estenderanse a rúas como Sáenz Díez, avenida Pardo de Cela, rúa do Progreso, rúa Concello, rúa Xoán XXIII, e a avenida da Habana, entre outras.
As restricións de tráfico estarán vixentes até as 14.00 h, polo que se recomenda aos condutores planificar os seus desprazamentos con antelación e utilizar rutas alternativas para evitar contratempos.