A Casa do Concello de Xunqueira de Ambía instala un cartel contra a planta de biogás

O Concello de Xunqueira de Ambía, a instancias do BNG, vén de instalar na fachada da Casa do Concello un cartel que amosa o rexeitamento da veciñanza ao proxecto promovido por Ence para instalar unha macroplanta de biogás no municipio.
Cómpre lembrar que a plataforma veciñal Macroplanta Biogás na Limia NON completou o pasado 8 de xaneiro o rexistro de máis de 3.400 alegacións contra este proxecto. Segundo o colectivo, esta cifra supón triplicar os escritos presentados no primeiro proceso de exposición pública, que quedou sen efecto despois de que a Xunta cancelase a tramitación ao advertir deficiencias na documentación.
O colectivo atribúe o incremento da participación a unha campaña de cinco semanas na que organizou mesas informativas en feiras e mercados, charlas e difusión nas redes sociais. A recollida de sinaturas e documentos realizouse a través de 31 puntos habilitados en nove concellos (entre eles Xunqueira de Ambía, Sandiás, Allariz, Xinzo de Limia, Maceda, Celanova, Vilar de Santos, Vilar de Barrio e Ourense).
Entre as preocupacións recollidas pola plataforma figuran a xestión do dixestato (o residuo líquido resultante), o risco de vertidos e as posibles afeccións ambientais nunha contorna próxima á ZEPA da Limia. Tamén alertan sobre molestias polos cheiros e un posible impacto sobre a saúde en núcleos habitados situados a varios quilómetros da instalación, que se pretende localizar moi preto de varias zonas residenciais.