A Cavernícola Race de Barbadás supera xa as 200 inscricións na súa sétima edición

OurenseXa
A proba, que se celebrará o 9 de maio, forma parte da recén creada Aurum Terrae – Liga OCR Deputación de Ourense
cavernicola-race
10 Feb 2026

A VIIª edición da Cavernícola Race Mapfre Barbadás arrinca cunha resposta moi positiva por parte das persoas participantes, ao superar as 200 inscricións nos dez primeiros días desde a apertura do prazo. A proba celebrarase o vindeiro 9 de maio en Barbadás e consolídase como unha das carreiras de obstáculos de referencia na provincia.

A Cavernícola Race forma parte da Aurum Terrae – Liga OCR Deputación de Ourense, un novo proxecto deportivo nacido este 2026 co obxectivo de estruturar, reforzar e dar continuidade ás carreiras de obstáculos que xa se viñan celebrando no territorio. Esta iniciativa conecta por primeira vez nun marco común tres probas consolidadas: a Cavernícola Race de Barbadás, A Revolta Irmandiña de Verín-Monterrei e a Uros Race de Toén.

A liga aposta pola colaboración co tecido deportivo existente, implicando boxes de crossfit, ximnasios, clubs, escolas deportivas e grupos de adestramento, coa finalidade de ampliar a base de participación, fomentar hábitos de vida saudables e crear unha comunidade deportiva estable ao longo do ano.

A primeira edición da Aurum Terrae – Liga OCR desenvolverase en tres citas: a Cavernícola Race, o 9 de maio en Barbadás; A Revolta Irmandiña, o 14 de xuño en Verín-Monterrei; e a Uros Race, o 13 de setembro en Toén. As inscricións están dispoñibles nas plataformas oficiais de cada carreira e a participación na liga será gratuíta, sendo necesario inscribirse nas tres probas e marcar a opción correspondente para acceder á clasificación xeral.

O proxecto contará cun sistema de premios orientado á promoción turística e deportiva da provincia, con recoñecementos ligados a experiencias no propio territorio, como aloxamento, benestar, deporte e lecer. O obxectivo é fomentar unha segunda visita das persoas participantes e das súas acompañantes, poñendo en valor os recursos naturais, patrimoniais e deportivos de Ourense.

A Aurum Terrae – Liga OCR Deputación de Ourense nace tamén coa vontade de promover estilos de vida activos e saudables, entendendo o deporte como unha práctica social, accesible e motivadora. As carreiras de obstáculos preséntanse así como unha actividade compartida, adaptada a diferentes idades e niveis, e como unha ferramenta para integrar a actividade física na vida cotiá, ao tempo que se reforza o posicionamento da provincia como destino de turismo activo e deportivo.

0.090665817260742