A celebración do Entroido na cidade de Ourense obriga a modificar varias rutas de autobuses

OurenseXa
Os cambios terán lugar a partir deste sábado pola tarde e estenderanse durante o domingo e o martes
autobuses-urbanos-ourense-pavillon-dos-remedios
14 Feb 2026

A programación do Entroido de Ourense 2026 provocará cortes de tráfico que afectarán ás rutas de varias liñas de autobuses urbanos entre o sábado 14 e o mércores 18 de febreiro. O Servizo de Transportes do Concello de Ourense informa ás persoas usuarias sobre os desvíos e percorridos alternativos que se aplicarán durante estas datas.

O sábado 14, pecharase ao tráfico a rúa do Progreso, desde a baixada á Praza de Abastos ata Concordia, desde as 15:00 horas ata a madrugada do mércores 18. Os autobuses que circulen desde o Xardín do Posío cara ao Parque de San Lázaro desviaranse pola baixada á Praza de Abastos e Tras Alameda. Ata as 22:00 horas avanzarán por Parada de Justel, Progreso (con parada provisional no Inorde), Xoán XXIII e Parque de San Lázaro, mentres que a partir dese momento o percorrido seguirá por Doutor Fleming, Ervedelo, Salvador Dalí, Pardo de Cela, Concello e San Lázaro. Pola súa banda, os autobuses que se dirixan desde Xoán XXIII (Abanca) cara ao Xardín do Posío circularán por Bedoya, avenida de Bos Aires, Pardo Bazán, Serra Martiñá, Nieves Conde, Ramón Puga, José Cornide e rúa da Coruña.

O domingo 15, coincidindo co Desfile de Entroido, o servizo urbano deterase a partir das 14:30 horas debido á colocación de valados de seguridade e á celebración do evento. O luns 16, durante o Desfile de Frei Canedo en A Ponte, as rúas afectadas serán a avenida das Caldas e as de Eulogio Gómez Franqueira e Xesús Pousa a partir das 19:15 horas, mentres dure a actividade.

O martes 17, Martes de Entroido, continuará o corte na rúa do Progreso, aínda que se permitirá a circulación por Parada Justel ata as 18:00 horas. Desde esa hora, aplicaranse os mesmos desvíos que o sábado. O mércores 18, co Enterro da Sardiña, haberá cortes intermitentes desde as 18:00 horas ao paso do desfile, que transitará pola Praza Maior, Lamas Carvajal, rúa do Paseo e Curros Enríquez, fronte á Subdelegación do Goberno.

Tamén se verán afectadas as rutas do Tren Turístico, que durante o sábado 14 e o domingo 15 comezará e finalizará na parada de autobús do Parque de San Lázaro, e que suspenderase definitivamente o domingo a partir das 14:00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.086368083953857