A CEO chama ao diálogo entre Concello, Xunta e comerciantes para solucionar o conflito da Praza de Abastos

Tras a nova polémica xurdida ante a ameaza do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, de desafiuzar aos comerciantes do espazo que actualmente ocupan na Alameda e comezar o seu traslado á Praza de Abastos número 1, a Confederación de Empresarios de Ourense anuncia que se porá á disposición das partes para intentar desbloquear este conflito, que foi medrando nos últimos días.
Desde a CEO maniféstanse “profundamente preocupados” pola situación, e apelan á “comprensión, a mesura e o diálogo como ferramentas imprescindibles para acadar unha solución consensuada, xusta e viable para todos”. Desde a confederación recoñecen “a complexidade deste proceso e o esforzo que supón para todas as partes implicadas”, e póñense á disposición “tanto do Concello de Ourense como da Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos para actuar como interlocutores e facilitar un espazo de entendemento que permita avanzar sen xerar máis incerteza nin prexuízos”.
“Pensamos que conviría evitar unha medida tan drástica como o desafiuzamento dun colectivo de comerciantes que, durante anos, demostraron un firme compromiso coa cidade e co tecido económico local”, explican nun comunicado, no que lembran que moitos dos comerciantes contan cunha “larga traxectoria e un profundo arraigo en Ourense, sendo parte esencial da vida cotiá do centro urbano”.
Profesionais que, explican, “non só sosteñen os seus propios negocios con esforzo e dedicación, senón que tamén aportan dinamismo ao comercio de proximidade e desempeñan un papel clave no abastecemento de produtos locais á hostalaría ourensá. A súa actividade xera un fluxo constante de persoas que beneficia ao conxunto do comercio e contribúe a manter viva a identidade comercial da cidade”.
Ademais, insisten en que hai que ter en conta que “as achegas económicas realizadas polos comerciantes responden a unha lóxica distinta á das inversións públicas”. “Mentres que as administracións poden destinar recursos sen necesidade de retorno directo, os autónomos e pequenos empresarios deben afrontar os seus compromisos con esforzo diario, amortizando cada inversión a través da súa actividade comercial”, explica a CEO.
Por iso, apoian a proposta da Xunta de Galicia de ampliar o prazo de concesión, como medida de equilibrio e sustentabilidade, e agradecen o compromiso mostrado tanto polo Goberno autonómico como pola Deputación provincial que, sinalan, “entenderon a importancia de apoiar estes pequenos comerciantes nun momento especialmente delicado, marcado polo impacto das novas tecnoloxías, os cambios nos hábitos de consumo e a crecente presión sobre o comercio tradicional”.
Con todo, recoñecen tamén a xestión do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que segundo a confederación “demostrou en múltiples ocasións a súa vontade de modernizar a cidade, impulsar proxectos estratéxicos e dinamizar a economía local. Sabemos que a súa intención non é prexudicar a ninguén, senón atopar unha solución que beneficie ao conxunto da cidadanía”.
A nova Praza de Abastos, lembran, é unha obra vital para Ourense, non só polo seu valor arquitectónico e funcional, senón porque representa unha oportunidade para revitalizar o centro urbano, atraer visitantes e xerar un fluxo constante de persoas que repercutirá positivamente no resto do comercio.
Por iso, reiteran o seu “compromiso co diálogo, o consenso e a defensa do interese xeral. Estamos convencidos de que, con vontade e responsabilidade, é posible acadar un acordo que preserve o valor económico, social e cultural da Praza de Abastos e garanta o seu futuro como motor de vida para Ourense”.