A CHMS acusa á Xunta de "esquecer que os plans de urbanismo teñen que garantizar a dispoñibilidade xurídica da auga"
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) responde as declaracións da Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas no Parlamento de Galicia "acusando a este Organismo de conca de entorpecer a aprobación dos Plans Básicos Municipais tramitados pola Xunta".
“Todo apunta a que estamos fronte a unha problemática que pouco ten que ver coa imperiosa necesidade de colaboración cos Concellos para facilitarlles a xestión dos Plans de Urbanismo que dean seguridade xurídica a novos desenvolvementos, necesarios para fixar poboación no rural galego” explicou José Antonio Quiroga, presidente da CHMS.
“Se o obxectivo fose desbloquear, o Parlamento debería de instar á Xunta a investir no saneamento e o abastecemento dos núcleos deficitarios, co ánimo de conseguir que toda a poboación galega dispoña de auga en cantidade e calidade, independentemente de que residan en cidade ou en núcleo rural, ambos os servizos competencia municipal e subsidiariamente da Xunta de Galicia”, matizou Quiroga. Colaboración da CHMS coa Administración Autonómica.
“É demostrable, tras as reiteradas reunións presenciais e telefónicas mantidas coa responsable de Urbanismo da Consellería, o total apoio, colaboración, predisposición e sensibilidade deste Organismo de conca, pero hai que lembrar que a aplicación da normativa é a clave para o bo servizo á cidadanía e para a protección do medio ambiente” incidiu o presidente da CHMS.
Normativa
O informe preceptivo e vinculante que ha de emitir a CHMS está regulado no art. 25.4 da Lei de Augas e, por tanto, explican, o contido do mesmo non é discrecional, por imperativo legal este Organismo ten que pronunciarse sobre a existencia e dispoñibilidade de recursos suficientes para satisfacer novas demandas.
“Hai que destacar que a nova regulación da normativa urbanística galega non pode alterar o art. 25.4 TRLA, como pretende a Xunta, xa que as Comunidades Autónomas non poden modificar leis estatais, nin regular de forma diferente cuestións de competencia exclusiva do Estado, aínda que se manteñen que poden aprobar os Plans sen as debidas garantías legais, será a súa responsabilidade”, explicou o presidente
“Da mala praxe da Xunta existen sentenzas do Tribunal Supremo que anularon os Plans Xerais de Ordenación Municipal, aprobado para os municipios de Verín e Monterrei (CH Douro), precisamente por este tema”, incidiu Quiroga.
Situación dos 11 PBM
Desde a CHMS explican que no PBM do Concello lucense do Páramo foi enviado un informe favorable, excepto para 6 núcleos dos 115 que indica a Xunta. Este Plan foi Aprobado pola Administración Autonímica, de forma parcial por Orde do 13 de febreiro de 2023.
En Triacastela (Lugo) e Cartelle (Ourense), foron enviados informes favorables da CHMS, como no caso anterior, para algúns núcleos de poboación, estando pendente de aprobación pola Xunta.
Dos municipios ourensáns de Padrenda, Porqueira e San Xoán de Río, foron enviados desfavorables porque, transcorridos os prazos -en todos eles máis de 1 ano desde a solicitude- a Xunta non contestou o requirimento de documentación.
No caso do concello ourensán de Viana do Bolo, estamos á espera de recibir a documentación requirida pola CHMS ao ente autonómico, explican. Pola súa banda, Punxín (Ourense), Dozón (Pontevedra) e Guntín (Lugo), están en avaliación polo Organismo e para resolver en datas próximas.
Do municipio ourensán de Lobeira, recibiuse a solicitude de informe en datas recentes e está a ser avaliado polos técnicos da CHMS, continúan. Por último, a finais de setembro recibiuse de novo solicitude para os municipios ourensáns de Porqueira e San Xoán de Rio, actualmente en avaliación por este Organismo de conca, explican desde CHMS.