A cidade de Ourense prepárase para celebrar o Entroido con máis de 50 actuacións musicais

OurenseXa
O Concello presentou este martes a programación oficial e completa dos catro entroidos da capital: centro, A Ponte, Seixalbo e Eiroás 
presentacin-entroido-ourense
3 Feb 2026

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, xunto á concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco; e representantes dos Entroidos da Ponte, As Eiroás e Seixalbo presentaron esta mañá no Hostal Cándido a programación do Entroido de Ourense 2026.

“Vai ser un gran Entroido”, asegurou o alcalde, quen avanzou que desde o vindeiro 12 de febreiro, Xoves de Comadres, ata o día 18, Mércores de Cinza, Ourense vivirá unha “semana máxica” na que celebrará a súa festa por excelencia. Pola súa banda, Noa Rouco detallou un cartel que busca “dinamizar o maior número posible de espazos da cidade”, cun total de 50 actuacións musicais, cinco grandes orquestras —Mondragón, con Javier Gurruchaga á fronte; París de Noia; Origen; Função Pública e Kubo— e concertos de Festicultores Troupe, Trío Somoza, Los Coleguitas e King Africa.

No centro da cidade, desde o xoves de Comadres ata o mércores de Cinza, as rúas encheranse de disfraces, música, desfiles e diversión para celebrar o evento máis esperado do ano. A programación arrincará o xoves con sesións de DJ tanto na Praza Maior como na Praza de Santa Eufemia, coa participación de Leticia Sabater, acompañadas de animadas charangas polo Casco Vello.

O venres, a Orquestra Origen será a protagonista na Praza Maior, xunto con actuacións musicais e sesións de DJ que animarán a tarde e a noite. O sábado, un dos días grandes do Entroido, contará con actividades infantís, concertos de grupos como Oviravai e Los Coleguitas, ademais da actuación da orquestra Função Pública e diversas sesións de DJ para manter o ambiente festivo ata a madrugada. As charangas acompañarán tamén esta xornada.

O domingo celebrarase o gran Desfile de Comparsas e Carrozas, que percorrerá varias das principais rúas da cidade, seguido de concertos e da entrega de premios na Alameda. A orquestra Kubo e un concerto de King Africa porán o broche de ouro a esta intensa xornada.

O luns de Entroido continuará a programación con actividades infantís e concertos, con actuacións de Los Coleguitas e Trío Somoza. A orquestra Mondragón, xunto a Javier Gurruchaga, ofrecerá un dos espectáculos máis agardados na Praza Maior, mentres que as sesións de DJ manterán o ritmo festivo en distintos puntos da cidade.

O martes de Entroido estará marcado polas actividades para a cativada e as degustacións típicas, como as orellas de Entroido, e contará coa actuación da orquestra París de Noia, ademais da continuidade das charangas polo Casco Vello. Finalmente, o mércores de Cinza pecharase a celebración co tradicional Enterro da Sardiña, cun percorrido desde a Praza Maior ata o Parque de San Lázaro.

PORGRAMA COMPLETO DO ENTROIDO DE OURENSE

No acto tamén participaron Javier Taboada, que presentou o programa completo de actividades do Entroido de Frei Canedo (A Ponte); María Isabel González, que debullou as propostas da Pita das Eiroás; e Juan Cid, que deu a coñecer o Entroido de Seixalbo, con citas destacadas como o Gran Cocido Bacanal do domingo 15, seguido dun baile de máscaras e da música de La Oca Band.

⚙ Configurar cookies
0.083804130554199