A CIG acusa a Textil Lonia de tentar sinalar á representación sindical como culpábel do conflito laboral

OurenseXa
O sindicato cualifica de ‘improcedente e xuridicamente incorrecto’ o comunicado interno da empresa e lembra que os ‘servizos mínimos’ só poden fixarse en actividades esenciais e pola autoridade competente
OURENSE manifa textil lonia
9 Jan 2026

A CIG denunciou os “intentos” de Sociedad Textil Lonia (STL), con sede en Ourense, de responsabilizar á representación legal das persoas traballadoras (RLT) do conflito laboral aberto na compañía. A central sindical sostén que a empresa difundiu entre o persoal un comunicado interno que considera “improcedente e xuridicamente incorrecto”, no que acusa á RLT de negarse a negociar uns supostos ‘servizos mínimos’.

Segundo a CIG, a dirección trata de trasladar a culpa do conflito á representación sindical cando, ao seu xuízo, a orixe do problema está na falta de propostas salariais suficientes por parte da empresa. A organización tamén critica que no comunicado se insinúe que a compañía “non ten obriga de negociar”, algo que cualifica de especialmente preocupante ao lembrar que a negociación colectiva é un dereito recoñecido e debe desenvolverse con boa fe, especialmente nun contexto de conflito e reivindicacións formuladas pola parte social.

No que atinxe aos ‘servizos mínimos’, a CIG subliña que non proceden neste caso porque a actividade de Textil Lonia non é un servizo esencial para a comunidade. Ademais, recalca que, cando corresponden, non son un asunto a pactar entre empresa e RLT, senón unha determinación que debe adoptar a autoridade competente e só en sectores que afecten dereitos fundamentais da cidadanía.

A central lembra tamén que o dereito á folga é un dereito fundamental e considera que o comunicado empresarial tenta deslexitimar o seu exercicio, mentres evita entrar no “núcleo” do conflito: salarios insuficientes, perda de poder adquisitivo e ausencia de compromisos económicos concretos.

Por último, a CIG reitera que mantén disposición a unha negociación “real e efectiva”, pero insiste en que a saída ao conflito pasa por que Textil Lonia cumpra coas súas obrigas: respecto ao dereito á folga, negociación colectiva de boa fe e melloras salariais “reais”.

⚙ Configurar cookies
0.079898118972778