A Comisión de Pleno avala o proxecto de Orzamento Xeral do Concello de Ourense para 2025

A Comisión de Pleno do Concello de Ourense ditaminou favorablemente nunha sesión extraordinaria celebrada esta mañá o proxecto de Orzamento Xeral para o exercicio 2025. O documento inclúe os orzamentos do propio Concello, o do Consello Municipal de Deportes (CMD), as bases de execución e os anexos de persoal.
O proxecto, cun importe total de 116.700.226,82 euros, someterase á aprobación inicial do Pleno nunha sesión extraordinaria prevista para o vindeiro luns, 21 de xullo, ás 9.00 horas. O ditame contou cos votos favorables do grupo de goberno de Democracia Ourensana, mentres que PP e PSdeG-PSOE abstivéronse e o BNG votou en contra.
Na mesma reunión, a Comisión tamén ditaminou favorablemente dous expedientes de modificación de créditos: o 2P, por importe de 1,7 millóns de euros destinados maioritariamente á área social, e o 3P, cunha achega de 5,1 millóns para as obras do Parque de Canedo. Nestes casos, DO votou a favor e PP, PSdeG-PSOE e BNG abstivéronse.