A Deputación de Ourense activa o dispositivo de vialidade invernal para garantir a seguridade nas estradas

A Deputación de Ourense puxo en marcha o dispositivo de vialidade invernal para garantir a seguridade na rede de estradas provinciais ante a alerta por nevadas. O operativo activouse na mañá do xoves 22 de xaneiro e permanece despregado en toda a provincia, traballando en coordinación con outras administracións e cos corpos de seguridade.
O dispositivo conta cun total de 65 profesionais encargados de coordinar os recursos e servizos dispoñibles, atender os avisos procedentes da DGT, do 112, dos concellos e da cidadanía, así como de realizar unha vixilancia continua do estado das vías. Entre as súas funcións inclúense tamén o mantemento preventivo e correctivo da maquinaria, a condución de equipos pesados e de espallamento de fundentes, e a asistencia ás persoas usuarias ante posibles incidencias.
Os medios materiais da Deputación están distribuídos en distintos centros loxísticos situados en Miño e Terra de Caldelas; Verín, A Limia e Baixa Limia; Terras de Trives; a comarca de Viana; Valdeorras; e a zona oeste, que abrangue O Carballiño, O Ribeiro e Celanova, o que permite unha resposta rápida en calquera punto do territorio.
Desde primeira hora da mañá deste venres, a partir das 6.00 horas, os traballos céntranse na retirada de neve e no espallamento de fundentes nas estradas provinciais, adaptando as actuacións á evolución das cotas de neve.
O operativo permanecerá en situación de alerta máxima mentres se manteñan as condicións meteorolóxicas adversas. Desde as distintas administracións recoméndase á poboación limitar os desprazamentos ao máximo e extremar a precaución.
A cidadanía pode consultar información actualizada sobre o estado das estradas, os traballos en curso e os avisos de última hora a través da páxina web do Parque Móbil e de Maquinaria da Deputación de Ourense.