A Deputación de Ourense amosa o seu apoio ao COB
A Deputación de Ourense expresa o seu total e decidido apoio ao Club Ourense Baloncesto (COB), tanto a nivel deportivo como no referido á súa estrutura social, comprometendo agora e no futuro o seu respaldo a un club de alta competición, ao que non só destina unha axuda económica, por importe de 250.000 euros, senón que tamén pon a disposición do equipo as instalacións do Pazo dos Deportes Paco Paz, tanto para a práctica deportiva como para a actividade social, incluídos o equipo sénior e maila canteira, co importante custe que isto supón.
Na actualidade, a institución provincial participa no accionariado do COB na mesma medida que o Concello de Ourense, e a intención é traballar de xeito coordinado para un club histórico que leva o nome da provincia e da cidade.
Desde a Deputación trabállase para que a situación directiva e administrativa actual do COB poda normalizarse e mellorarse, ao tempo que se fai un chamado á unidade no ámbito social para acadar os obxectivos deportivos que o COB merece.
A Deputación de Ourense está aberta a apoiar coas súas accións a calquera posible inversor que teña un proxecto deportivo serio, solvente e de futuro, participando no accionariado do club como na actualidade, co fin de velar polos intereses deste proxecto deportivo.
Entre os obxectivos desta institución figura achegar o deporte a toda a sociedade ourensá, e apoiar ao COB é moito máis que apoiar a un club de baloncesto: é apoiar a un referente deportivo e sinal de identidade da nosa cultura deportiva.