A Deputación de Ourense destina 250.000 euros ao COB para a tempada 2025/2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta semana a concesión dunha achega de 250.000 euros ao Club Ourense Baloncesto SAD para a tempada 2025/2026. A axuda destinarase a cubrir os gastos de funcionamento e mantemento da entidade ao longo do próximo curso deportivo.
Esta subvención supón a principal colaboración anual que a institución provincial mantén co club e constitúe un apoio estratéxico para garantir a súa estabilidade, o crecemento deportivo e a continuidade dun proxecto consolidado no ámbito do baloncesto ourensán.
Desde o Goberno provincial subliñan que este respaldo permite afianzar un modelo deportivo sólido e con proxección de futuro, que representa á provincia en competicións de máximo nivel e que, ao mesmo tempo, desempeña un papel relevante na promoción do deporte base, na dinamización social e na proxección exterior de Ourense.
O apoio da Deputación contribúe a manter unha ampla estrutura deportiva que na tempada 2025/2026 inclúe equipos en competicións nacionais, autonómicas e de formación, así como unha rede de colaboración con clubs e centros educativos da cidade e da provincia. Este modelo aposta polo xogo limpo, a formación integral e a promoción do talento local.
Segundo recolle a memoria deportiva do club, o proxecto do COB conta tamén cun importante compoñente social e educativo. Na actualidade, dispón de catro escolas de baloncesto en funcionamento e unha canteira que supera os 700 nenos e nenas en proceso de formación, ademais da organización de campus, xornadas de tecnificación e actividades en centros educativos coa participación do primeiro equipo e do seu corpo técnico.