A Deputación de Ourense e o Catastro únense para ofrecer aos concellos da provincia novas ferramentas virtuais

OurenseXa
Luis Menor sinala que desde a Deputación traballan "para estar á vangarda dos servizos dixitais, e así poder ofrecer á veciñanza e aos concellos da provincia solucións cada vez máis áxiles, transparentes e en tempo real"
O presidente provincial, Luis Menor, durante a Semana da Administración Aberta en Ournse
12 Xuño 2024

Ata o 16 de xuño estase a celebrar a Semana da Administración Aberta, que está organizada polo Goberno Central a través da Dirección General de Gobernanza Pública, coa colaboración do Foro de Goberno Aberto, e ten como obxecto achegar as Administracións Públicas á cidadanía baseándose nos principios do Goberno Aberto: transparencia, rendición de contas, participación cidadá, integridade pública e colaboración. Neste contexto, a Deputación e a Xerencia Territorial do Catastro uníronse hoxe nunha xornada para presentar aos alcaldes e alcaldesas da provincia novas ferramentas ao servizo da cidadanía que fomenten o uso das novas tecnoloxías e faciliten a participación cidadá.

O presidente provincial, Luis Menor; xunto co director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Marcos Valiño; e Javier García, delegado de Economía y Hacienda en Ourense, presentaron á cidadanía e aos rexedores da provincia as solución virtuais que ambos organismos desenvolveron para mellorar a atención cidadá nos municipios.

Luis Menor destacou que desde a Deputación “estamos a traballar para estar á vangarda dos servizos dixitais, e así poder ofrecer á veciñanza e aos concellos da provincia solucións cada vez máis áxiles, transparentes e en tempo real. E todo elo facémolo asumindo investimentos importantes e colaborando con diferentes institucións, como neste caso o Catastro”. Así, as solucións presentadas pola Deputación e que supuxeron un investimento de 2 millóns de euros, son tres iniciativas baseadas en renovar o sistema do padrón municipal en todos os municipios da provincia; en poñer a disposición da cidadanía unha oficina virtual de atención ao cidadán, operativa as 24 horas do día mediante intelixencia artificial; e a creación dun espazo semántico de coñecemento de toda a provincia de Ourense.

Accións paralelas

Lembrou tamén Menor que en paralelo a estas accións, a Deputación investiu outro millón de euros en renovar a versión dixital do Boletín Oficial da Provincia, operativa xa desde marzo; e tamén está a piques de rematar a actualización do aplicativo da Recadación Provincial, que estará operativo a finais de ano. “Agardo e desexo que estes avances sirvan para seguir aplicando as posibilidades das novas tecnoloxías en beneficio dos concellos e da veciñanza da nosa provincia”, sinalou o presidente provincial, anunciando que na Deputación “continuaremos facendo o que debemos facer: cooperar e ser unha administración útil para todos os municipios de Ourense”.

Pola súa banda, a Xerencia Territorial do Catastro, a través de Javier García, delegado de Economía y Hacienda en Ourense, presentou as súas solución virtuais: un novo servizo opcional para que a veciñanza poida ser atendida por persoal da Xerencia Territorial do Catastro a través de vídeochamada; unha aplicación móbil para facilitar as consultas e as xestións dos cidadáns co Catastro; e un novo asistente virtual ao cidadán na Sede Electrónica do Catastro.

0.18058109283447