A Deputación de Ourense impulsa un catálogo de experiencias sostibles e accesibles para fomentar o turismo familiar

OurenseXa
Emprendedores, autónomos e entidades públicas poderán presentar propostas ata o 20 de febreiro
luis-menor
13 Feb 2026

A Deputación Provincial de Ourense, a través do Inorde, abriu unha convocatoria para o deseño do primeiro Catálogo de Experiencias de Turismo Familiar da provincia. Segundo destacan desde a institución, o obxectivo é "identificar, ordenar e dar visibilidade á oferta turística pensada para o público familiar, reforzando o posicionamento de Ourense como un destino sostible e dispoñible durante todo o ano".

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) 'Ourense Coge Velocidad', financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU, coa colaboración do Ministerio de Industria e Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia.

A convocatoria está dirixida a emprendedores, autónomos, microempresas e entidades públicas que conten con produtos de experiencia familiar, rutas ou espazos naturais que poidan comercializarse, reservarse ou disfrutarse de forma autoguiada, adaptados ás necesidades das familias. Aínda que poden participar propostas de toda a provincia, darase prioridade aos proxectos situados nos concellos incluídos no PSTD, como Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, O Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Punxín, Ribadavia, Verín, Allariz e Castro Caldelas.

O catálogo organizará as actividades en distintos bloques temáticos para facilitar a elección do turista. Así, incluiranse experiencias con animais como granxas escola, agroturismo e paseos a cabalo; rutas e natureza adaptadas, incluindo sendeirismo e paseos en bicicleta; experiencias de auga e lecer acuático, como termalismo familiar e actividades náuticas en ríos; patrimonio e cultura, con visitas a centros de interpretación, castelos e vilas con encanto; experiencias educativas, como astronomía e obradoiros creativos; actividades de aventura e deportes, incluindo parques multiaventura, tirolinas e karts; gastronomía local, con rutas de produtos como queixo, mel ou viño e obradoiros de cociña; e finalmente eventos e festivais de interese turístico.

Os interesados deberán completar a ficha técnica de experiencia facilitada polo Inorde e enviala por sede electrónica da Deputación. O prazo para presentar propostas estará aberto ata o 20 de febreiro de 2026.

As experiencias seleccionadas formarán parte dunha estratexia de marketing dixital que contempla un catálogo trilingüe en galego, castelán e inglés, así como a súa integración na Plataforma Intelixente de Destinos (PID) a través do proxecto "Ourense Cerca DTI", dando continuidade á campaña presentada en Fitur “Ourense provincia termal, refuxio familiar”, tamén parte do mesmo plan.

⚙ Configurar cookies
0.082844018936157