A Deputación de Ourense organiza un torneo popular de baloncesto 3x3 aberto a todas as comarcas da provincia

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A competición, gratuíta e para todas as idades, comezará o 12 de agosto con cinco xornadas en distintas sedes
presentacion-torneo-baloncesto-3x3-ourense
29 Jul 2025

A Deputación de Ourense, en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, impulsa un torneo de baloncesto 3x3 de carácter popular, gratuíto e dirixido a equipos de todas as comarcas da provincia. A iniciativa enmárcase no Programa de Fomento Deportivo 2025 da institución provincial.

O vicepresidente segundo e deputado de Deportes, César Fernández, xunto co presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, e representantes municipais de Allariz e Xinzo de Limia, presentaron o torneo, que busca fomentar a práctica deportiva dun xeito accesible e divertido. Segundo explicaron, "as características desta modalidade, cun só aro e equipos de tres xogadores, facilitan a práctica deportiva dun xeito lúdico, fomentan a actividade física en todas as idades e amplían a oferta deportiva, especialmente no rural".

A competición contará con sete categorías —prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, júnior e sénior— e poderá participar calquera equipo masculino, feminino ou mixto formado por catro membros. As inscricións, gratuítas, permanecerán abertas ata completar as prazas dispoñibles e poden realizarse a través da web da Federación Galega de Baloncesto.

O torneo comezará o 12 de agosto en Viana do Bolo para as comarcas de Trives, Viana e Verín; continuará o 16 de agosto en Xinzo da Limia para A Limia, Celanova e Baixa Limia; o 30 de agosto terá lugar en O Carballiño para as comarcas do Carballiño e Ribeiro; o 31 de agosto en Allariz para as zonas de Ourense, Allariz-Maceda e Terras de Caldelas; e finalizará o 4 de setembro no Barco para os equipos de Valdeorras.

Os mellores equipos de cada categoría nas fases comarcais clasificaránse para a xornada final, que se disputará no Pazo dos Deportes Paco Paz.

O baloncesto 3x3, que foi disciplina olímpica nos Xogos de 2020 e 2024, é actualmente a modalidade urbana de equipo máis practicada no mundo e xógase nunha única canastra con tres xogadores por equipo en pista.

⚙ Configurar cookies
0.18447399139404