A Deputación de Ourense reforza a súa aposta polo fomento do turismo termal

OurenseXa
A institución provincial está a levar a cabo o deseño dunha Ruta de Sendeiros que vincule o recurso das augas termais e mineiro medicinais con outros recursos naturais ou patrimoniais
Balneario-cortegada
Balneario de Cortegada
9 Jan 2025

A Deputación de Ourense continúa en 2025 coa súa firme aposta polo fomento do termalismo e a actividade turística vinculada a este a través de actuación que permiten manter e mellorar a rede termal de balnearios da provincia.

A última das medidas anunciadas pola institución provincial ten que ver co histórico balneario de Cortegada, que verá reformadas as súas instalacións, unha actuación que dá continuidade a unha liña de traballo iniciada no plan de sustentabilidade turística Ourense Termal, que contempla o deseño dunha Ruta de Sendeiros que vincule o recurso das augas termais e mineiro medicinais con outros recursos naturais ou patrimoniais, contribuíndo así a xerar espazos de mobilidade a pé, así como novos atractivos para que os potenciais visitantes aposten polo uso de transportes sostibles, en fomento dun estilo de vida máis saudable.

As actuacións permitirán poñer en valor a paisaxe, a protección da natureza, a conexión de recursos culturais e a seguridade.

Nete caso concreto, a Deputación impulsará a ampliación e a mellora da seguridade do acceso ao balneario histórico de Cortegada, un dos recintos termais de referencia da provincia. As actuacións, ás que se destinan 75.600 euros, teñen o obxectivo principal de construír un muro de contención no camiño que dá entrada ao balneario.

O contrato está financiado polo Plan de Sustentabilidade Turística “Ourense Colle Velocidade, vilas históricas e termais”, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea (NextGenerationEU), en colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia. As empresas poden presentar as súas ofertas para participar na licitación ata o próximo 29 de xaneiro.

A construción do muro permitirá ataxar os posibles riscos dos pequenos desprendementos que se producen na actualidade no camiño de acceso ao balneario histórico de Cortegada.

Tamén se realizará a reposición do pavimento afectado por outro novo nun perímetro de actuación de 162 metros cadrados.

Con estas melloras, a Deputación fomenta unha mobilidade sostible a pé por sendeiros que conectan os cascos antigos das poboacións e as termas, cuxa consecuencia máis directa é a redución de emisión de gases procedentes dos vehículos de combustión.

0.17371702194214