A Deputación de Ourense reforza o seu compromiso coa UNED

A Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coa Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), unha institución que, segundo destaca o presidente provincial, Luis Menor, desde a década dos noventa desempeña un papel salientable na provincia “á hora de universalizar o acceso a educación universitaria”.
Menor trasladou este apoio durante a recepción celebrada no Pazo Provincial aos membros do Consello do Campus Noroeste, encabezados polo reitor, Ricardo Mairal Usón, e polo director do centro asociado de Ourense, Jesús Manuel García. A delegación escolleu este ano a cidade para o seu encontro anual e representa o maior campus territorial da UNED en España.
O presidente provincial lembra que a Deputación forma parte do padroado do Consorcio da UNED en Ourense desde a súa constitución en 1992, mantendo así unha colaboración ininterrompida durante 34 anos xunto ao Concello de Ourense, a Xunta de Galicia e o Concello da Rúa, municipio que tamén conta cun centro asociado.
Menor cualificou este respaldo institucional como “clave para potenciar unha oferta educativa que hoxe resulta imprescindible para xerar o talento que precisa a provincia”, subliñando ademais a integración da universidade no tecido social ourensán. Na actualidade, o centro conta con arredor de 1.200 estudantes matriculados, cifra que acada os 2.000 se se suman cursos de extensión universitaria, xornadas e seminarios. A oferta académica inclúe 30 graos, dous dobres graos, máis de 80 mestrados, 21 programas de doutoramento e máis de 800 títulos de formación permanente.
A UNED iniciou a súa actividade na provincia a finais dos anos oitenta na Rúa e abriu a súa sede na capital en 1992. A nivel estatal, é a universidade pública máis grande de España, con preto de 150.000 estudantes. Desde a súa creación en 1972, o seu modelo en liña e semipresencial facilitou o acceso á educación superior sen notas de corte, adaptándose ás necesidades laborais e familiares do alumnado e estendendo a súa presenza a 18 países.
O Consello do Campus Noroeste está composto por 27 membros —entre directores e secretarios— dos 14 centros asociados que integran este campus, que abrangue Galicia, Asturias, Castela e León e Estremadura.