A Deputación de Ourense reparte 40 bolsas a deportistas individuais da provincia

OurenseXa
A institución provincial destina 40.000 euros a estas bolsas
entrega-becas-deportistas
20 Sep 2025

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, fixo entrega este venres das bolsas a 40 deportistas ourensáns destacados en modalidades individuais durante a tempada 2023-2024. En total, a institución provincial destina 40.000 euros a estas axudas, “unha contía que foi incrementada o ano pasado reforzando así, a nosa aposta e compromiso co talento deportivo ourensán”, lembrou Menor.

O presidente subliñou ademais o peso do deporte “na folla de ruta deste goberno provincial”, citando programas como Fomento deportivo, ningún concello sen deporte, Nena e deporte, as Escolas Deportivas ou o EsquiOU, ademais dos investimentos en infraestruturas. Tamén destacou a capacidade de Ourense para acoller grandes competicións, aludindo á recente saída da Volta Ciclista a España desde O Barco de Valdeorras, que segundo sinalou demostra que apostar por estes eventos é “traballar na consolidación de Ourense como destino turístico deportivo”.

Durante o acto, Menor felicitou aos bolseiros polo “gran traballo” nas súas disciplinas e subliñou a importancia de “a implicación e do compromiso dos vosos familiares e adestradores, sendo un apoio fundamental para a vosa carreira deportiva”.

O evento incluíu tamén a homenaxe anual a un técnico deportivo da provincia. Nesta edición a distinción recaeu en Marisa Acevedo Rego, recoñecida pola súa traxectoria como deportista, adestradora e docente. Este mesmo ano xa recibira a distinción ao mérito deportivo da Xunta, a máxima condecoración autonómica no ámbito deportivo.

Acevedo practicou na súa mocidade disciplinas como voleibol, baloncesto, atletismo e hóckey. Foi campioa provincial de voleibol, competiu a nivel nacional en Madrid e xogou no Medina de Baloncesto, que representaba a Ourense por toda España. Máis tarde exerceu como adestradora do equipo de ximnasia do colexio Santo Ángel, ao que levou a proclamarse campión de España en ximnasia deportiva. A súa carreira continuou vinculada ao ensino no IES A Laboral, onde promoveu o exercicio físico entre o alumnado.

“Unha longa traxectoria na que tanto como deportista como adestradora e mestra, foi deixando unha fonda pegada no palmarés deportivo da nosa provincia”, sinalou Menor, quen engadiu que este recoñecemento permite tamén “reivindicar o papel da muller no deporte”.

As bolsas, de entre 500 e 1.600 euros, distribúense en catro categorías: dez axudas de 1.600 euros, trece de 1.000, dez de 700 e sete de 500. En total, os 40.000 euros chegarán a deportistas de disciplinas como ximnasia trampolín, loita, parabadminton, tríatlon, tiro olímpico ou atletismo.

⚙ Configurar cookies
0.11113119125366