A Deputación e a UVigo afondan en Ourense na importancia da saúde mental na mocidade

OurenseXa
A iniciativa enmárcase na programación de cursos de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, organizados pola Vicerreitoría do campus con financiamento da Deputación de Ourense
Inauguración do curso de extensión universitaria da UVigo sobre saúde mental
Inauguración do curso de extensión universitaria da UVigo sobre saúde mental
21 Sep 2024

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle, ata o 25 de setembro, a celebración dun curso centrado na visibilización da importancia da saúde mental na mocidade dirixido por María Teresa Barge, deputada de Xuventude e Igualdade de Ourense, e José María Faílde, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social .

A iniciativa, explican desde a UVigo, enmárcase na programación de cursos de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, organizados pola Vicerreitoría do campus con financiamento da Deputación de Ourense.

O obxectivo principal desta formación é, tal e como explican os seus responsables, explorar e visibilizar a importancia da saúde mental na mocidade. Nas súas sesións búscase proporcionar ás persoas asistentes “ferramentas e coñecementos clave, como a identificación de factores de risco, a promoción da resiliencia e o autocoidado para comprender, previr e abordar os problemas relacionados coa saúde mental na mocidade”. O avance da sociedade e os cambios nos estilos de vida, lembran desde a organización da actividade, “traen como consecuencia que durante os últimos anos a mocidade teña que enfrontarse a unha serie de retos e presións que poden afectar significativamente o seu benestar psicolóxico”.

0.17079401016235