A Deputación e o Eixo Atlántico lanzan un novo modelo de turismo sostible na provincia

A Deputación de Ourense e o Eixo Atlántico celebraron este martes un encontro para presentar un novo modelo turístico sustentable baixo o título “O turismo sostible policéntrico”.
A xornada marcou o lanzamento público dunha innovadora proposta turística, xurdida no seo do Eixo Atlántico e desenvolta desde Ourense, que propón un modelo alternativo ao turismo de masas, baseado na identidade do territorio e no respecto activo polo seu patrimonio, a súa paisaxe e os seus habitantes.
Durante a xornada, os promotores deste proxecto destacaron a relevancia do turismo como motor para transformar os recursos locais nunha actividade económica sostible. Con todo, advertiron que unha xestión inadecuada pode supoñer riscos, como a presión sobre o territorio, o deterioro do patrimonio natural e cultural, e a afectación á calidade de vida dos habitantes.
Neste contexto, a Deputación de Ourense contratou un servizo de asesoramento turístico e encargou á Universidade de Vigo a elaboración e financiación europea dun proxecto piloto que se desenvolverá na zona de Valdeorras-Ribeira Sacra e servirá para validar na provincia a estratexia do turismo sostible policéntrico deseñada conxuntamente por todos os socios do proxecto.
A iniciativa está definida por dous conceptos clave que son o “turismo policéntrico” e o “turismo de autor”. Ambos enfoques buscan transformar a experiencia turística adaptándoa ás preferencias individuais e promovendo unha relación equilibrada entre visitantes e territorio para evitar problemas como a turismofobia.
O turismo policéntrico, pola súa parte, propón distribuir a actividade turística desde grandes polos de atracción cara localidades e recursos con gran valor cultural, arqueolóxico, natural ou gastronómico, fomentando estanzas máis longas e viaxes de maior distancia. Destinos como a Ribeira Sacra, Santiago de Compostela, Lugo ou Ourense son exemplos onde esta estratexia pode desenvolverse grazas á súa riqueza patrimonial e cultural.
Ademais, a posta en marcha deste modelo implica a creación de novas cualificacións e perfís profesionais. Por iso, o Campus de Ourense da Universidade de Vigo está a desenvolver programas formativos específicos para capacitar profesionais no deseño, xestión e comunicación de produtos turísticos de autor e propostas policéntricas.
Esta xornada forma parte do proxecto Post, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg Espazo Atlántico, no que a Deputación de Ourense colabora co Eixo Atlántico, o Inorde e outras entidades de Portugal, Irlanda e Francia.