A Deputación e o Pabellón CF presentan o “Pabellón inclusivo” como exemplo de deporte sen barreiras en Ourense

OurenseXa
Trátase dunha iniciativa deportiva que nace vinculado ao Pabellón CF e está formado por 24 xogadores e xogadoras procedentes de tres de Baños de Molgas, Pereiro de Aguiar e Allariz
presentacion-pabellon-inclusivo
6 Apr 2026

O Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense, acolleu a presentación do novo equipo “Pabellón inclusivo”, unha iniciativa deportiva que conta co apoio da Deputación e que busca avanzar cara a unha provincia máis “igualitaria e xusta”, segundo destacou o presidente provincial, Luis Menor.

Durante o acto, no que tamén participaron representantes institucionais e deportivos, Menor cualificou o proxecto como “unha vitoria da convivencia e da superación na nosa provincia”. O presidente lembrou que a Deputación apoiou a iniciativa desde o primeiro momento, tras coñecela no mes de xaneiro, ao considerar que se trata dunha proposta “acaída” e en liña coa “nosa visión política”.

O equipo nace vinculado ao Pabellón CF, definido como un “club histórico para a cidade e a provincia”, e está formado por 24 xogadores e xogadoras procedentes de tres centros da Fundación San Rosendo: a residencia de Os Milagros, en Baños de Molgas (15 integrantes); a de Monterrei, no O Pereiro de Aguiar (5); e a de Valverde, en Allariz (4).

Estas entidades, subliñou Menor, volven amosar “o seu compromiso inquebrantable co benestar e a integración social en Ourense”. O proxecto preséntase como unha iniciativa aberta a novas incorporacións e froito da colaboración entre distintas entidades, o que, segundo o presidente provincial, permite sentirse “orgullosos de formar parte desta provincia que ten tanto talento, solidariedade e capacidade de atender ás persoas menos favorecidas”.

No mesmo acto tamén se deu a coñecer o torneo “A nosa champions”, que dará comezo o vindeiro 11 de abril nas instalacións dos Remedios, coa participación de 12 equipos de toda Galicia e co Pabellón CF como anfitrión.
Desde a Deputación incidiron en que este proxecto forma parte dunha aposta máis ampla polo deporte inclusivo, resumida na idea de que “cremos nun deporte sen etiquetas e sen barreiras”. Neste sentido, lembraron outras iniciativas apoiadas pola institución provincial neste ámbito, relacionadas co atletismo, o fútbol sala ou o baloncesto inclusivo.

0.11104512214661