A Deputación e o Sergas colaborarán para impulsar programas de fitness terapéutico no Paco Paz

A Deputación de Ourense e o Servizo Galego de Saúde formalizaron un novo convenio de colaboración co obxectivo de facilitar o acceso gratuíto a programas de fitness adaptados para distintos colectivos terapéuticos nas instalacións do Pazo dos Deportes Paco Paz. O acordo garante unha bonificación do 100 % para as persoas derivadas polo Sergas.
A sinatura correu a cargo do presidente da Deputación, Luis Menor, e do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nun acto no que ambos destacaron “a cooperación institucional como ferramenta clave para mellorar a calidade de vida das persoas”.
Durante a súa intervención, Menor subliñou que “este convenio é un exemplo claro de como os recursos públicos poden sumar para mellorar a saúde das persoas, eliminando barreiras económicas e apostando por un modelo de atención máis integral”. Pola súa banda, Gómez Caamaño agradeceu á institución provincial “o seu compromiso e leal colaboración” e lembrou que o programa leva tempo “demostrando o seu enorme potencial”. Neste sentido, indicou que desde a súa posta en marcha en 2023 xa se beneficiaron arredor de 300 pacientes, razón pola que agora se estende a novos colectivos, entre eles os do Hospital de Día de Saúde Mental.
O convenio terá vixencia entre 2025 e 2029 e permitirá que pacientes pertencentes a colectivos terapéuticos definidos polo Sergas participen sen custo en programas de actividade física deseñados segundo a súa patoloxía, reforzando o valor do exercicio como complemento terapéutico e preventivo.
A Deputación porá á disposición da sanidade pública galega as instalacións do Paco Paz, “consolidando este espazo como un recurso ao servizo da saúde, do benestar e da inclusión social”, tal e como apuntou Luis Menor tras a sinatura. O Sergas, pola súa parte, asumirá a selección das persoas participantes e a adecuación dos programas ás necesidades clínicas.
Este acordo dá continuidade a experiencias previas de colaboración entre ambas institucións e amplía o seu alcance a novos colectivos terapéuticos. Para garantir o seu correcto desenvolvemento, crearase unha comisión mixta paritaria encargada do seguimento, coordinación e avaliación dos obxectivos.
Con esta iniciativa, “a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso cunha provincia máis saudable, apostando pola actividade física como eixo fundamental das políticas públicas de benestar”, concluíu o presidente provincial.