A Deputación e Universidade de Vigo reafirman a súa alianza para impulsar o Campus de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe o Campus de Ourense acompañado polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, polo vicerreitor Francisco Javier Rodríguez Rajo e polo decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Jesús Vázquez. A xuntanza serviu para facer balance dos convenios de cooperación asinados en 2024, que suman 300.000 euros en accións de turismo, cultura, educación e deporte.
Durante a súa intervención, Menor destacou que a relación institucional entre ambas entidades é “total” grazas “ao estupendo equipo reitoral” e felicitou á Universidade por acadar que o campus ourensán sexa o único de Galicia en crecemento, algo que cualificou como “un orgullo”. O presidente provincial incidiu na relevancia deste espazo académico como “gran motor e orgullo da provincia” e comprometeuse a “ampliar a colaboración existente” dentro das posibilidades da Deputación, salientando que “todo o investido no Campus de Ourense ten un retorno moi importante para a provincia”.
O reitor Manuel Reigosa, pola súa parte, puxo en valor a cooperación institucional e agradeceu “a xenerosidade da Deputación”, subliñando que grazas a este apoio “a Universidade de Vigo está presente en toda a provincia”.
Os convenios en vigor inclúen unha achega de 80.000 euros destinada a proxectos de formación en turismo vinculados ao termalismo e ao reto demográfico, así como unha campaña para atraer alumnado ao campus. O segundo acordo, con 220.000 euros de dotación, abrangue iniciativas de carácter cultural, educativo e deportivo, ademais de bolsas de investigación, apoio ao alumnado do rural e actividades de extensión cultural.
Segundo se destacou na visita, o Campus de Ourense consolídase como un espazo de referencia tanto polo seu nivel académico como polas sinerxías que mantén co tecido empresarial da provincia.