A Deputación presenta a 30ª edición de Pazolandia, máis innovadora e inclusiva que nunca

OurenseXa
O maior parque de atraccións de Galicia abrirá as súas portas este venres con importantes novidades
pazolandia-1
23 Dec 2025

A Deputación de Ourense presentou a trixésima edición de Pazolandia, o maior parque de atraccións da comunidade, que abrirá as súas portas este venres 26 de decembro. Esta edición chega renovada e con importantes novidades para ofrecer unha experiencia máis completa, inclusiva e segura para todos os nenos e nenas da provincia.

Entre as novidades deste ano destaca a incorporación da atracción King Joker (Cárcere), que conta cun sistema de cinco gaiolas para o público, movemento circular e unha altura máxima de voo de 18 metros. Ademais, os visitantes poderán desfrutar dun mural conmemorativo de LEGO, unha peza única creada para celebrar o 30º aniversario de Pazolandia, composta por máis de 56.000 pezas. Tamén se suma un circuito de coches tolos eléctricos, con rodas traseiras deslizantes para realizar derrapes controlados, e un labirinto infantil de Halloween, adaptado para os máis pequenos como primeira experiencia nun espazo temático de carácter lúdico-terrorífico.

Este ano, a Deputación reforza o seu compromiso coa inclusión e a accesibilidade, establecendo unha zona de calma para nenos con Trastorno do Espectro Autista (TEA), unha zona de lactancia e outra preinfantil con xogos de construción adaptados ás idades máis temperás. Ademais, o día 3 de xaneiro pola mañá celebrarase unha sesión específica de Pazolandia Inclusiva, sen ruído ambiental e pensada para nenos con TEA.

Para atender mellor á diversidade, habilitaranse pulseiras identificativas para nenos con TEA ou necesidades especiais, que permitirán evitar colas, así como auriculares illantes de ruído para menores con hipersensibilidade auditiva, ambos dispoñibles no stand de información. A programación tamén inclúe obradoiros sensoriais, como “Xogo de fíos”, que promove o tacto, a imaxinación e o recoñecemento das diferentes capacidades. Ademais, haberá sorteos en todas as sesións de Pazolandia.

En canto á seguridade, a organización contará cun dispositivo completo de atención médica, seguridade e emerxencias, con presenza de servizos sanitarios, forzas de seguridade, bombeiros e Cruz Vermella, para garantir o benestar de todos os asistentes.

Ata o momento, confirmáronse 62 concellos participantes, e espérase chegar a 65, consolidando Pazolandia como un evento clave do Nadal en Ourense e un punto de encontro para as familias de toda a provincia.

⚙ Configurar cookies
0.048002958297729