A Deputación presenta a 39ª edición do Anuario da Gaita

OurenseXa
A publicación consolídase como referente para a investigación e divulgación da música popular en Galicia e Europa
presentacion-anuario-da-gaita
30 Dec 2025

A Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coa cultura tradicional coa presentación do Anuario da Gaita 2024, que chega á súa 39ª edición. O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, destacou que esta publicación “consolida ao Anuario da Gaita como a referencia para a investigación e divulgación da música popular en Galicia e Europa”.

O acto celebrado no Pazo Provincial contou coa presenza do director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, e do investigador asturiano Daniel García de la Cuesta. César Fernández puxo en valor o traballo realizado durante case catro décadas por esta publicación, que representa “unha peza imprescindible para entender a nosa identidade” e serve como “unha fiestra aberta á investigación rigorosa e á conexión cultural co resto dos pobos da Península e Europa”.

Xosé Lois Foxo explicou que esta edición inclúe estudos sobre a iconografía da gaita en Lugo, análises da gaita romanesa (Cimpoi) e correspondencia inédita entre gaiteiros ancareses, resaltando que o volume é “un testemuño vivo da nosa memoria sonora e do diálogo entre xeracións de músicos”. Valorou tamén o apoio da Deputación á Escola Provincial de Gaitas e á publicación.

Pola súa banda, o investigador asturiano Daniel García de la Cuesta resaltou a irmandade cultural entre Asturias e Galicia e definiu o Anuario como “un faro que ilumina desde Ourense a internacionalidade da gaita”. Durante a presentación, García de la Cuesta ofreceu unha mostra con instrumentos tradicionais da Península, explicando e interpretando pezas históricas, moitas delas en perigo de desaparición.

Entre os contidos destacados do Anuario nº 39 atópanse investigacións de Fritz Schneider sobre a gaita en Romanía, crónicas do XV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, unha homenaxe aos 40 anos da Escola e Real Banda de Gaitas de Ourense, así como recensións de novidades editoriais e audiovisuais do 2024.

⚙ Configurar cookies
0.082206010818481