A Deputación presenta a campaña “Ourense provincia termal, refuxio familiar”

A Deputación de Ourense presentou este xoves na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra en Madrid, a campaña “Ourense provincia termal, refuxio familiar”, unha iniciativa coa que o goberno provincial busca reforzar o posicionamento turístico do territorio entre o público familiar e consolidar unha oferta multidestino activa durante todo o ano.
O acto contou coa participación do presidente da Deputación, Luis Menor; do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e da subdirectora xeral de Desenvolvemento e Sostibilidade Turística, Ilona Shekyants Kazaryan. A proposta pretende ampliar e diversificar o actual produto de lecer e saúde da provincia, incorporando un enfoque desestacionalizador.
Segundo explicou Luis Menor, a campaña ten como obxectivo “captar a atención do segmento familiar, achegándolles propostas orientadas para o desfrute conxunto e adaptadas ás necesidades de todo tipo de familias”. Neste sentido, subliñou que se trata dun público que “enriquece a nosa oferta e que nos permite seguir reforzando o noso atractivo como destino durante todo o ano”.
Desde a institución provincial destacan que o medio rural ourensán ofrece un contorno idóneo para descubrir a riqueza natural e patrimonial da provincia de maneira cómoda e accesible, sendo “a mellor maneira de descubrir a esencia do noso territorio”, en palabras do presidente provincial.
A campaña dá visibilidade a novas experiencias deseñadas especificamente para familias, que inclúen escapadas de natureza, visitas a cascos históricos declarados Ben de Interese Cultural, actividades culturais e deportivas adaptadas ao público infantil, así como propostas vinculadas ao termalismo, un dos principais elementos diferenciadores de Ourense.
Entre as opcións destacan paseos a pé ou en bicicleta desde balnearios, visitas a centros de interpretación como San Cibrán de Las ou Aquis Querquenae, percorridos por castelos e fortalezas como Monterrei ou Castro Caldelas, ou actividades no río Miño a bordo de ecobarcos. Todo isto complétase cunha oferta patrimonial que abrangue desde a cultura megalítica e romana ata o legado medieval de núcleos como Ribadavia, Allariz ou Pazos de Arenteiro.
A proposta inclúe tamén alternativas de lecer máis lúdicas, como o Parque Acuático de Monterrei, o complexo deportivo do Corgo, en Muíños, ou o Observatorio Astronómico de Trevinca, configurando unha oferta turística moderna, sostible e pensada para quen viaxa con nenas e nenos.
Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense reforza a súa estratexia turística incorporando de maneira específica o mercado familiar, que se suma a outros segmentos xa consolidados como o turismo sénior, o deportivo ou o vinculado ao Camiño de Santiago, a través da Vía da Prata.
A campaña enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística “Ourense Coge Velocidad, Villas Históricas y Termales”, desenvolvido coa colaboración de Turismo de Galicia e da Secretaría de Estado de Turismo, e financiado con fondos europeos Next Generation. O plan ten como finalidade impulsar o desenvolvemento socioeconómico do territorio rural, co turismo termal como un dos seus principais motores.
“Ourense provincia termal, refuxio familiar” promocionarase tanto en soportes físicos, como as estacións de Alta Velocidade de Chamartín e Alicante, como a través dunha campaña de márketing dixital dirixida aos mercados de proximidade e ao público galego.