A Deputación promocionará Ourense en Fitur 2026 con propostas centradas no termalismo, a gastronomía e as tradición

A Deputación de Ourense acudirá á vindeira edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR 2026), que se celebrará en Madrid, cunha axenda intensa de accións promocionais destinadas a dar visibilidade á provincia como destino turístico diverso, sostible e con identidade propia. A través do Inorde, a institución provincial presentará a súa oferta centrada no turismo termal, rural, enogastronómico e de tradicións.
A actividade de promoción desenvolverase no stand de Galicia, situado no pavillón 9, onde Ourense contará cun calendario propio de presentacións orientadas tanto á consolidación de produtos turísticos xa recoñecidos como á difusión de novas propostas. A presentación central da provincia como destino turístico terá lugar o xoves 22 de xaneiro ás 12.30 horas.
Un dos momentos destacados da participación ourensá en FITUR será a presentación, ao día seguinte, do proxecto de Villas Termais e Históricas, unha iniciativa coa que se busca reforzar a marca Ourense como referente estatal no ámbito do termalismo. Xunto a esta acción, a Deputación dará a coñecer os xeodestinos de Trevinca-Valdeorras e Terras de Celanova–Serra do Xurés, así como os entroidos do oriente da provincia, declarados Festa de Interese Turístico Nacional.
A programación inclúe tamén a promoción de itinerarios enogastronómicos en Valdeorras, desenvolvidos en colaboración con Escapada Rural, co obxectivo de poñer en valor o potencial vitivinícola e gastronómico da comarca. Ademais, a institución provincial protagonizará un monográfico sobre turismo rural nas Terras de Celanova–Serra do Xurés, centrado na riqueza natural, paisaxística e patrimonial deste territorio.
Ourense participará igualmente na difusión da campaña 2026 dos Trens Turísticos de Galicia e apoiará outras iniciativas con presenza provincial en FITUR, como Termatalia ou a promoción da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.
Con esta participación na feira madrileña, a Deputación de Ourense reforza a súa estratexia de promoción turística baseada na calidade, a sustentabilidade e a posta en valor dos recursos propios, combinando natureza, benestar, tradición, gastronomía e experiencias auténticas.