A Deputación reafirma o seu apoio á EFF Rosalía como referente do deporte feminino

A Deputación de Ourense pon en valor a traxectoria da EFF Rosalía, o primeiro club integramente feminino da provincia, e reafirma o seu apoio tanto ao club como a deporte feminino en xeral. O presidente, Luis Menor, visitou este xoves a esta entidade referente do deporte feminino, onde puxo de manifesto a súa labor como “símbolo de igualdade, identidade e ambición colectiva”.
Con oito anos de traxectoria, a EFF Rosalía consolidouse como un proxecto deportivo maduro, estruturado desde a base e coa misión de “abrir camiño onde antes non o había e romper teitos de cristal con traballo, talento e determinación”.
O Club, salientou Menor, “representa un exemplo de planificación, compromiso e futuro”, sustentándose en tres piares fundamentais, como son o talento mozo, os resultados históricos e a formación integral. O mandatario provincial fixo fincapé na dimensión deste proxecto deportivo que transcende o ámbito provincial grazas ao acordo estratéxico co Boavista FC, unha alianza que fortalece a metodoloxía formativa e incorpora unha perspectiva europea ao desenvolvemento da canteira. Unha colaboración que, destacou, “sitúa a Ourense no mapa da cooperación deportiva internacional, reforzando o posicionamento da provincia como referente en deporte feminino”.