A Deputación saca a concurso un programa de apoio a emprendedores

OurenseXa
Este programa está aprobado no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Ourense Termal e ten como obxectivo o apoio ao emprendemento e consolidación empresarial vinculado ao destino rural Ourense Termal
pazo-provincial-deputacion-de-ourense-recurso
Pazo Provincial da Deputación de Ourense
24 Abr 2024

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, vén de iniciar o procedemento de licitación do Programa de apoio ao emprendemento e consolidación empresarial vinculado ao destino rural Ourense Termal. O prazo para presentar ofertas remata o vindeiro 6 de maio ás 14.00 horas.

Este programa está aprobado no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Ourense Termal, a través do que se financia esta acción, recollida no convenio suscrito pola Deputación, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. Así, trátase dun programa de formación, apoio, consultaría e asesoramento para o impulso a proxectos relacionados, directa ou indirectamente, co entorno termal e cuxo orzamento ascende a 76.000 euros.

Os obxectivos desta acción baséanse en articular un programa, tanto para  emprendemento como para empresas existentes; servir de impulso para xerar un impacto económico positivo, xa sexa en termos de destinatarios, de promotores ou de impacto no medio; que teña como finalidade xerar desenvolvemento sostible; e que xere emprego de calidade nos municipios do destino rural Ourense Termal.

Xente moza e igualdade

Estes obxectivos articularanse a través do apoio a proxectos que impulsen o sector termal e o dinamismo económico do entorno; do desenvolvemento de negocios no entorno rural; do fomento á promoción do emprendemento, sobre todo entre xente moza e con maior atención aos que presenten maior risco de precariedade laboral e á muller, coa fin de acadar a igualdade efectiva de oportunidades.

O programa contempla unha primeira fase de captación e proceso de selección de proxectos, co obxectivo de identificar ata 30 potenciais proxectos que se dividan en dúas áreas: a de emprendemento (formación e asesoría para converter unha idea nun negocio), que contemplará formación colectiva, titorías e mentorías individualizadas e masterclass; e a de desenvolvemento (destinado a empresas xa existentes que busquen crear novas liñas de negocio que aporten valor ao destino rural Ourense Termal), que será personalizada, cun total de 20 horas de mentorización por proxecto.

0.2158420085907