A duodécima edición de Funergal arranca con máis de 50 expositores
Expourense acolle este venres a duodécima edición da Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, Funergal, que se desenvolverá ata este domingo, 18 de maio.
De carácter bianual, Funergal é a única feira internacional do sector funerario celebrada na Península Ibérica este ano e tamén o único punto de encontro profesional que ademais de formación especializada e capital relacional, ofrece compra e venda de produtos e servizos funerarios, é dicir, negocio.
Funergal 2024 conta coa participación de 55 expositores procedentes dun total de 8 países (China, España, Francia, Italia, México, Países Baixos, Polonia e Portugal). Ademais de recibir visitantes profesionais destes 8 países que contan tamén con representación na área expositiva, a esta cifra hai que engadir a dos profesionais que xa confirmaron a súa presenza á feira e que virán a Ourense desde países como Alemaña, Brasil, Ecuador, O Salvador, Honduras, India, Lituania, Nixeria, Perú, Reino Unido ou Senegal. En total, unha vintena de países representados nesta edición.
Entre os expositores de Funergal 2024 destacan empresas punteiras e asociacións de profesionais do sector que presentarán as últimas novidades e tendencias en produtos e servizos funerarios. Desde Funergal destacan o alto grao de fidelidade por parte dos expositores habituais aos que engadiron outros novos.
O obxectivo fundamental de Funergal é o fomento do negocio, a competitividade e a actualización neste ámbito, ao mesmo tempo que presenta unha ampla oferta de novidades, adaptadas ás necesidades dos distintos visitantes profesionais funerarios (tanto representantes de grandes empresas como outras de carácter familiar), que se achegarán, fundamentalmente, desde distintos puntos da Península Ibérica.
A lista de expositores de Funergal 2024 cobre toda a cadea de produtos e servizos funerarios necesarios podendo atoparse a importantes fabricantes de cadaleitos da Península, fabricantes de fornos crematorios, urnas, lápidas, arranxos florais, xoiería, accesorios e complementos para poñer o marcha un funeral, xestión integral de servizos funerarios, equipamento e material químico e de embalsamamiento, etc.
Esta 12ªedición está patrocinada pola Deputación Provincial de Ourense e tamén co patrocinio dos grandes grupos empresariais de prestación de servizos funerarios do país como Interfunerarias, Grupo Albia, a colaboración de Enalta.
Luis Menor puxo en valor “o gran traballo” que se realiza na provincia a prol deste sector que, ao contrario do que acontece no resto de territorios españois, “conta con máis de 60 empresas dedicadas aos servizos funerarios”. Ademais, nesta edición de Funergal, “Ourense volverá a estar altamente representada por varios fabricantes de ataúdes ourensáns, ademais de outras empresas vinculadas ao ámbito funerario”, lembrou o presidente provincial.
Trátase ademais da segunda edición de Funergal con Alta Velocidade, situando a Ourense a tan só dúas horas e 15 minutos de Madrid en AVE, unha cidade conectada con vó directo con 66 países. “Somos, polo tanto, un dos territorios mellor conectados da Península, e esta vantaxe competitiva verase tamén no número de visitantes nacionais e internacionais que se acheguen a Expourense estes días”, auguraba Menor.
Así mesmo, o presidente provincial recoñeceu a importancia que ten Expourense na dinamización económica de Galicia e de Ourense e que “amosa ao longo do ano organizando diversos eventos que permiten promocionar as potencialidades do territorio ourensán”.