A DXT estima que se producirán uns 314.000 desprazamentos na provincia de Ourense durante o Nadal

OurenseXa
Desde a Subdelegación do Goberno fan un chamamento aos condutores para extremar as precaucións
inverno-estradas-neve
22 Dec 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, chamou a extremar a precaución nas estradas durante estas festas de Nadal, período no que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) estima que se producirán 314.000 desprazamentos na provincia.

Con motivo do inicio da Operación Especial de Tráfico Nadal 2025-26, que comezou o 19 de decembro e se estenderá ata a medianoite do 6 de xaneiro, Santos lembrou que “nestes días xúntanse circunstancias que dificultan a condución como as escasas horas de luz, o incremento do tráfico e as condicións meteorolóxicas adversas”. Por iso, insistiu na importancia de “moderar a velocidade, usar o cinto e o casco e non consumir alcohol nin drogas antes de poñerse ao volante”.

A primeira fase da operación, entre o 19 e o 25 de decembro, será a que concentre máis desprazamentos, con uns 120.000 previstos na provincia. A segunda fase, do 26 de decembro ao 1 de xaneiro, mobilizará máis de 109.000 vehículos, mentres que a terceira e última fase, do 2 ao 6 de xaneiro, estima rexistrar ao redor de 77.000 movementos.

Estas cifras foron calculadas polo Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste e Cantábrico, que supervisa as estradas desde Galicia ata Cantabria. Ademais, a estes desprazamentos súmanse miles de movementos curtos diarios vinculados a actividades de ocio e ao crecente turismo relacionado coas decoracións e luces de Nadal.

Eladio Santos recomenda evitar na medida do posible os desprazamentos durante as horas desfavorables sinaladas pola DXT. En concreto, os venres 26 de decembro e 2 de xaneiro, as horas máis críticas serán entre as 18:00 e as 21:00, con tramos considerados “desfavorables” unha hora antes e despois dese período. Tamén se desaconsella viaxar os sábados entre as 9:00 e as 14:00 horas. Por último, os días 25 e 28 de decembro, así como o 6 de xaneiro, as franxas horarias máis desfavorables serán entre as 19:00 e as 21:00, con horas desfavorables estendidas desde unha hora antes ata unha hora despois, ata as 22:00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.062077045440674