A Escola Atlética Ben Cho Shey presenta o I Trofeo Germán González de Atletismo

Pereiro de Aguiar acollerá o vindeiro 18 de abril o I Trofeo Germán González de Atletismo, unha nova cita deportiva que se celebrará nas pistas de atletismo Josefina Salgado, no Compexo Deportivo de Monterrei. A competición nace co propósito de ampliar a oferta atlética da comarca e, ao mesmo tempo, render homenaxe a unha das figuras máis relevantes do atletismo ourensán: o fundador da Escola Atlética Ben Cho Sey, Germán González.
A presentación oficial tivo lugar este xoves e contou coa participación do xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Pérez, o alcalde do Pereiro de Aguiar e presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; así como membros da Escola Atlética Ben Cho Shey e da Federación Galega de Atletismo, ademais de atletas do club.
Este novo encontro deportivo conta cun dobre obxectivo. Por unha banda, pretende recoñecer a traxectoria de Germán González como adestrador e impulsor do atletismo na provincia e, por outro lado, enmárcase na conmemoración do 35 aniversario da Escola Atlética de Pereiro de Aguiar, entidade da que foi fundador e unha das súas principais figuras dinamizadoras.
Durante a presentación destacouse a súa contribución ao longo de décadas na formación de numerosas xeracións de deportistas. Máis alá dos logros deportivos, púxose en valor o seu compromiso coa educación en valores, subliñando o papel do deporte como ferramenta de crecemento persoal e social.
O I Trofeo Germán González preséntase, así, como unha celebración do atletismo de base e do esforzo colectivo, ao tempo que serve de recoñecemento a aquelas persoas que deixan unha pegada duradeira no deporte e na comunidade.