A Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense inicia o curso con máis de 230 alumnos matriculados

OurenseXa
Como novidade este ano, a Escola ofrece unha ampliación do horario lectivo duplicando as horas de formación ao longo de todo o curso
Inicio do curso na Escola de artes e oficios da Deputación de Ourense
Inicio do curso na Escola de artes e oficios da Deputación de Ourense
3 Oct 2024

A Escola de Artes e Oficios da Deputación abriu na tarde deste mércores o curso académico 2024-2025 nas súas instalacións da rúa da Canle, onde se impartirán as disciplinas de debuxo e pintura, modelado en barro, talla de madeira e oleiria.

O director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, asistiu, xunto ao director da Escola, Francisco González, no acto de apertura deste novo curso no que están matriculados máis de 230 alumnos e alumnas. Por disciplinas, a de debuxo e pintura é a máis numerosa, con 93 inscritos. Oleiría ten 67 matriculados e tanto talla de madeira como modelado en barro teñen 36 alumnos en cada modalidade.

Como novidade este ano, a Escola ofrece unha ampliación do horario lectivo duplicando as horas de formación ao longo de todo o curso. Esta ampliación xa se implantara no pasado mes de xaneiro, pero non afectara ao curso completo. O horario será de 16.00 a 21.00 horas, cando previamente era de 19.00 a 21.00 horas.

Francisco González salientou que “a escola está a vivir posiblemente os seus mellores momentos dos últimos anos, cun cadro de profesores tremendamente comprometidos coa escola e cun alumnado que responde coa súa implicación, participando en exposicións e en diferentes iniciativas complementarias”.

Pola súa parte, o director da Área de Cultura da Deputación puxo en valor a aposta da institución provincial por este proxecto educativo que mestura a formación artística con elementos de acción social e de ocio, fomentando o desenvolvemento cultural.
A docencia é gratuíta para parados, persoas con Síndrome de Down e persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33%.

0.17687201499939