A Facultade de Ciencias entrega os seus premios aos mellores traballos de fin de grao

OurenseXa
Os galardóns son un recoñecemento ao esforzo do alumnado en proxectos de tecnoloxía dos alimentos, enxeñaría agraria e ciencias ambientais
politecnico_campus_ourense
20 Jun 2025

Este venres, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense celebrará a cerimonia de graduación do seu alumnado. Como parte da tradición do centro, durante o acto entregaranse os premios aos mellores Traballos de Fin de Grao (TFG) de cada unha das tres titulacións que oferta a facultade. Os proxectos recoñecidos abordan temáticas relacionadas coa tecnoloxía dos alimentos, a enxeñaría agraria e as ciencias ambientais. Con esta iniciativa, a facultade busca poñer en valor cada ano o esforzo realizado polo alumnado na elaboración destes traballos, moitos deles vinculados a proxectos de diversos grupos de investigación, que supoñen a culminación da súa formación universitaria.

O Premio Sonia García Falcón ao Mellor TFG en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos foi concedido ao traballo titulado 'Aprendizaxe automática destinada a asegurar a autenticidade e a calidade no mundo do viño', realizado por Sofía Iglesias baixo a supervisión dos profesores Gonzalo Astray e Antón Soria. Segundo a súa autora, este estudo propón a aplicación de algoritmos como bosques aleatorios, máquinas de soporte vectorial e redes neuronais artificiais para clasificar adecuadamente os viños segundo a súa denominación de orixe e predicir o contido en azucre das uvas, un factor clave na produción e perfil sensorial do viño. Ademais, destaca que estas tecnoloxías poden ser ferramentas valiosas para garantir a autenticidade dos viños e ofrecer apoio tanto a produtores como a consumidores. O proxecto é un exemplo claro de como a tecnoloxía aplicada aos datos contribúe ao control de calidade e trazabilidade no sector vitivinícola, con aplicacións prácticas na loita contra a fraude e a mellora de procesos na industria enolóxica.

En canto ao Premio Julia Franco ao Mellor TFG en Ciencias Ambientais, foi para o traballo 'Influencia do tipo de vexetación na captación e posterior transferencia ao solo do mercurio (Hg) atmosférico ao longo dun ano: Pinus pinaster vs Quercus robur', desenvolvido por Gracia Castillo baixo a dirección de María Flora Alonso e Andrea Parente. Neste estudo analizouse o contido de mercurio nas fraccións máis representativas da hoiarasca (litterfall) de ambas especies forestais, recollida mensualmente durante un ano. Avaliouse a contribución de cada especie aos fluxos de deposición de mercurio e comparáronse os resultados con datos obtidos doutras fontes bibliográficas. Entre as conclusións, a autora destaca que o fluxo de biomasa calculado para a parcela de Pinus pinaster foi 1,5 veces superior ao de Quercus robur. Ademais, sinala que 'a maior parte do fluxo de biomasa na parcela de carballo prodúcese no outono, seguido da primavera, mentres que na parcela de piñeiro rexístrase no outono e verán, con achegas similares en ambas estacións.'

Finalmente, o Premio Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas ao Mellor TFG en Enxeñaría Agraria foi concedido a 'Estratexias de separación selectiva dos constituintes do eucalipto e valorización das fraccións sacarídicas mediante o uso de auga e disolventes verdes', realizado por Martín Cid baixo a dirección de Sandra Rivas e Carlos Vila. Este traballo enmárcase dentro do proxecto de excelencia da Xunta de Galicia titulado 'Biorrefinarías multiproducto: desenvolvemento de estratexias de proceso para a valorización e aproveitamento de biomasa lignocelulósica (BioMultiPro)', liderado por Sandra Rivas. O proxecto céntrase no desenvolvemento de procesos de biorrefinaría para a separación e valorización dos compoñentes dos residuos de eucalipto, transformándoos en produtos de valor engadido.

⚙ Configurar cookies
0.17030692100525