A Facultade de Historia do campus de Ourense renova o seu selo de calidade
A Facultade de Historia do campus de Ourense acadou recentemente a re-certificación de implantación do seu Sistema de Garantía Interno de Calidade, dentro do Programa Fides-Audit, segundo informan desde o campus. A renovación deste selo outorgado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) supón “unha satisfacción moi grande para o centro” en canto recoñece o “noso compromiso coa calidade” e permite “seguir avanzando” neste eido, tal e como indican desde o seu equipo decanal.
Julio Prada, decano da Facultade de Historia, subliña a importancia de acadar esta re-certificación dun sistema que abrangue todos os procesos do que se fai no centro. Igualmente, apunta que obter esta renovación é moi importante de cara á tamén futura renovación dos selos de calidade específicos das titulacións da facultade. Dada esta relevancia, o responsable académico agradece e pon en valor a implicación neste proceso de re-certificación e na implantación do sistema de calidade dos órganos de goberno da UVigo e da facultade e de todos os seus colectivos e en especial da Comisión de Calidade que abordou este reto.
Segundo lembra Antonio Presedo, vicedecano e coordinador de Calidade da Facultade de Historia, a preparación do proceso para acadar esta renovación desenvolveuse, co apoio da Área de Calidade da Universidade de Vigo, o pasado curso académico, ao mesmo tempo que o centro preparaba igualmente o seu Programa de Desenvolvemento Estratéxico. Xa este curso académico, engade, a comisión específica da ACSUG realizou a pertinente avaliación que rematou con este resultado positivo e a conseguinte re-certificación de implantación do sistema. “Do mesmo xeito que para calquera outro centro de ensino superior, acadar esta renovación é unha cuestión moi importante, dada a relevancia que ten hoxe en día a cultura da calidade”, comenta o vicedecano.