A Federación Galega de Judo organizou un curso de defensa persoal en Ourense

O pasado sábado 20 de decembro tivo lugar no ximnasio Marbel, situado en Cardenal Quevedo 2, un curso de Defensa Persoal organizado polo Aula de Formación Permanente do departamento desta especialidade da Federación Galega de Judo.
O curso foi impartido por Marcos Bermúdez, Mestre-Adestrador de Xudo e Defensa Persoal da Comisión Nacional de Defensa Persoal, xunto con Manuel Montero, director do departamento e tamén Mestre-Adestrador en Xudo, Defensa Persoal e Defensa Policial.
O principal obxectivo do curso é fomentar a promoción e actualización nas técnicas de defensa persoal, así como ofrecer aos participantes a posibilidade de acadar o Cinturón Negro nesta disciplina. Durante a formación abordáronse situacións reais e métodos de defensa tanto para cidadáns en xeral como para membros das forzas e corpos de seguridade pública e privada.
Entre os temas tratados destacaron o ‘Ataque e defensa con arma branca’ e ‘a realidade do enfrontamento co equipo blackman’, un método adaptado aos riscos e perigos que poden xurdir na rúa.