A feira científica eXXperimenta en Feminino regresa ao Campus de Ourense o 20 de febreiro

OurenseXa
A iniciativa, organizada con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia mobiliza arredor de 150 investigadoras e investigadores e está aberta a todo o público que queira asistir
Feira eXXperimenta en Feminino
15 Feb 2026

O campus de Ourense celebrará o 20 de febreiro a novena edición da feira científica eXXperimenta en Feminino, unha xornada de divulgación e fomento das vocacións científicas entre as mozas no ámbito CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). A actividade desenvolverase no edificio Politécnico e contará con programación de mañá para centros educativos e, a partir das 14.00 horas, apertura ao público xeral con entrada libre.

A iniciativa, organizada con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia (11F), mobiliza arredor de 150 investigadoras e investigadores da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, maioritariamente mulleres. Conta co apoio do Campus Auga, das unidades de Cultura Científica e de Igualdade da UVigo e da Consellería de Educación.

Durante a mañá participarán 14 grupos de alumnado preuniversitario procedentes de Ourense, Xinzo de Limia, Bande e Allariz. O programa inclúe 13 postos experimentais nos que o estudantado poderá realizar actividades prácticas relacionadas co traballo dos grupos de investigación do campus, desde a observación de microorganismos da auga ata demostracións sobre biomasa, programación, túnel de vento, reciclaxe, encimas ou ADN, entre outras propostas.

A programación da tarde inclúe a conferencia aberta Barbies e robots, a cargo da investigadora e divulgadora Deborah García Bello, ás 16.30 horas no salón de actos Marie Curie. No marco da feira tamén se entregarán os premios do X Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

eXXperimenta en Feminino forma parte da programación do 11F no campus, que xa acolleu obradoiros sobre igualdade e ciencia na Facultade de Educación e Traballo Social e que continuará o propio día 20 coa xornada Mulleres que transforman a ciencia, a industria e a empresa, organizada pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

⚙ Configurar cookies
0.083144903182983