A Festa do Boi de Allariz xa ten data de celebración
Cando quedan 63 días para que chegue a unha nova edición, a Asociación Cultural Xan de Arzúa e o Concello de Allariz presentan a Festa do Boi 2024 que terá lugar do 25 de maio ao 2 de xuño.
Unha representación da Asociación Cultural Xan de Arzúa, encargados das actividades da festa estiveron acompañados pola alcaldesa, Cristina Cid presentando a imaxe e programación para este ano. No acto estiveron na compaña dunha representación da A.A.V.V. de Roimelo, os cales participan dende fai uns anos na recreación do Trato do Boi durante a primeira xornada da Festa.
Como explicou Juan Antonio Seara, representante de Xan de Arzúa, a imaxe desta nova edición é unha adaptación dun cadro de Rafael Cachaldora. O artista plasmou con gran realismo aos homes do sedeño e da aguillada e ao boi, mentres percorrían unha das rúas de Allariz. Esta imaxe é a que poderemos ver este ano no cartel e na programación da festa. Así mesmo tamén se realizaron adaptacións para a camiseta e o xa representativo pano.
Para pechar o acto de presentación, tomou a palabra a alcaldesa de Allariz. Cristina Cid resaltaba “a importancia de saber de onde xurde a Festa e agradecer a xeracións pasadas que foran capaces de conservar a tradición ata o día de hoxe, cunha festa tan importante para nós como é a Festa do Boi”. Así mesmo agradecía aos membros da Asociación Cultural Xan de Arzúa a súa implicación altruísta na Festa. “ É unha festa organizada por persoas de Allariz para Allariz” nos explicaba Cristina. Ademais lembraba a importancia desta actividade para o pobo de Allariz, “que consegue que participen un gran número de veciños e veciñas tanto na organización como durante a celebración, convertendo está festa nun evento interxeracional cun sentimento especial para todos e todas elas”. Cristina Cid tamén resaltaba a importancia da Festa como dinamizador económico para os negocios de Allariz.
Cabe recordar que a Asociación Cultural Xan de Arzúa está composta por veciños e veciñas que ano tras ano traballan para que a Festa do Boi se celebre en Allariz. Esta asociación está composta por preto de cen persoas voluntarias que se encargan dende a atención da Tenda do Boi, ata a pedicha porta por porta, a colocación da decoración das rúas ou a organización da festa, entrou outras moitas.
Máis de 50 actividades para todos os públicos.
Un ano máis, durante 9 días desenvolveranse máis de 50 actividades. Música, teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as saídas do boi centrarán a programación festiva.
Antes de explicarnos a programación para este 2024, Juan Antonio, explicounos que pola tarde se fará unha presentación a cidadanía da programación, como ven sendo habitual. Así mesmo tamén non adiantou que despois do éxito acadado o ano pasado, o venres 29 de marzo o Campo da Barreira acollerá unha festa coa Discomóvil Apocalipse na que presentará a Festa a toda a mocidade local.
A Asociación Xan de Arzúa aposta polo carácter cultural e histórico da festa potenciando actividades como a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios. Arredor de 600 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi.
Unha das novidades de este ano é a recuperación da comida popular do sábado, que se celebrará en Paicordeiro o sábado 25. Ese mesmo día ás 16:00h haberá Foliada con Xisco Feijóo. Dende a organización convidan a todas as persoas que se acheguen se queren co seu instrumento para festexar todos e todas xuntas o inicio da edición de 2024.
Os nenos e nenas terán o seu espazo na Festa coa programación de actividades como as saídas do boi infantil, o espectáculo de monicreques creado polos centros de ensino de Allariz, o Pistaboi, a merenda infantil ou a actuación do mércores a tarde.
A música, como é habitual, terá unha importante presenza na Festa contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestras, e os tradicionais Zés Pereiras, entre outros.
A Festa do Boi está sufragada pola achega voluntaria dos veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución, así coma entidades colaboradoras. Sen todas estas achegas a Festa do Boi non seria posible de realizar.