A FGMAT-CIG denuncia que a decisión de Jácome de suspender a ORA deixa sen emprego a todo o persoal vinculado ao servizo

A FGMAT-CIG Ourense denuncia que a recente decisión do Concello de Ourense de eliminar o servizo da ORA deixará sen emprego a todas as persoas traballadoras vinculadas a este servizo.
A suspensión, que teoricamente entra en vigor o próximo 1 de xaneiro, produciuse, segundo o sindicato, sen ofrecer ningunha alternativa laboral nin solución social para os afectados. Ademais, lembran que o servizo da ORA está contractualmente unido ao servizo de grúa municipal a través dunha concesión á empresa Doal, o que xera incertidume sobre se a empresa seguirá cobrando o canon de explotación, a pesar de que a ORA xa non se preste.
Desde a FGMAT-CIG alertan do prexuízo que isto supón para o interese público e as arcas municipais, xa que se mantén un modelo privatizado que podería beneficiar economicamente á empresa concesionaria, mentres que os traballadores perden o seu emprego.
Por outra banda, o alcalde anunciou a construción de novos aparcadoiros soterrados, o que, segundo os representantes sindicais, confirma a aposta por un modelo de mobilidade centrado no vehículo privado, algo que consideran contradictorio coa eliminación da ORA e pouco acorde coas necesidades dunha cidade que require políticas de mobilidade sostible e servizos públicos de calidade.
Por todo o anterior, o persoal afectado reclama a publicación íntegra do contrato coa empresa, unha clarificación sobre os pagos que esta segue a recibir e solucións laborais reais para os despedidos. Así mesmo, esixen un debate público e transparente sobre o modelo de mobilidade e aparcadoiro que Ourense precisa.
“Non se pode gobernar a base de recortes de servizos, opacidade e anuncios contradictorios, cando quen sofre as consecuencias son os traballadores e a cidadanía en xeral”, sentencian desde a FGMAT-CIG.