A Fundación Curros Enríquez avanza na renovación da Casa dos Poetas de cara a 2026

O Patronato da Fundación Curros Enríquez celebrou este venres, 13 de decembro de 2025, unha reunión na Casa dos Poetas de Celanova na que se abordaron as principais liñas de traballo para os próximos anos, con especial atención ao proxecto de renovación do edificio e do espazo expositivo. No encontro participaron membros do patronato a título persoal e representantes das institucións patroas, entre elas a Deputación de Ourense, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Universidade de Vigo e o Concello de Celanova.
A reunión serviu para aprobar o orzamento anual, definir o programa de actividades previsto para 2026 e renovar o compromiso de colaboración institucional en iniciativas conxuntas, tanto a nivel expositivo como de promoción de autores vinculados a Celanova.
Cando se cumpren case dúas décadas desde a apertura da Casa dos Poetas, inaugurada en febreiro de 2006, a Fundación traballa xa nun proceso de revisión e mellora arquitectónica do inmoble e no estudo da actualización do espazo museístico. Aínda que o percorrido actual cumpriu a súa función de difusión de figuras literarias, especialmente de Manuel Curros Enríquez, desde o patronato consideran necesaria unha modernización que permita adaptalo aos novos tempos.
Co respaldo da Consellería de Cultura e da Deputación de Ourense, e a colaboración do Concello de Celanova, o proxecto entrará nunha fase máis administrativa durante o primeiro semestre de 2026, co obxectivo de poder executar as obras na segunda metade do ano. Esta intervención coincidiría cun período especialmente significativo, marcado por varias efemérides entre 2026 e 2027, como o 50 aniversario da declaración do edificio como Monumento Histórico-Artístico Local ou o 75 aniversario do Padroado Pro Casa de Curros Enríquez.
En paralelo, a Fundación desenvolverá en 2026 unha programación centrada en distintos aspectos da vida e da obra de Curros Enríquez, con presentacións, colaboracións con outras entidades e un encontro de xornalismo. Entre os temas previstos figuran a súa labor como correspondente durante as guerras carlistas, coincidindo co 150 aniversario da publicación de ‘Cartas do norte’, ou a súa etapa final en Cuba.
O patronato tamén avanzou o programa anual de actividades, que incluirá presentacións de libros, exposicións, actividades infantís, visitas guiadas e propostas dirixidas a centros educativos e colectivos culturais, ademais da entrega do XLII Premio “Celanova, Casa dos Poetas”, que se decidirá nunha próxima reunión.
Durante o encontro puxéronse de relevo a intensa actividade cultural e turística que desenvolve a Fundación, así como a xestión diaria e conservación da Casa dos Poetas, o que levou a plantexar a necesidade de incrementar o orzamento anual e ampliar o traballo de difusión a un ámbito autonómico.
Entre as iniciativas concretas para 2026 figura a celebración de dúas xornadas de convivencia con centros escolares Curros Enríquez, unha en Celanova e outra na Coruña. A reunión pechouse coa incorporación ao fondo arquivístico da Fundación dun exemplar da primeira edición de ‘Aires da miña terra’, adquirido grazas a unha campaña de micromecenado.