A Fundación Curros Enríquez e as mulleres da Asociación Ilduara renderon homenaxe a Rosalía

Este venres, 21 de febreiro, Celanova volveu render homenaxe a Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento a través dunha iniciativa que une gastronomía e poesía. A Fundación Curros Enríquez, en colaboración coa Asociación de Amas de Casa Ilduara, foi a encargada de organizar un ano máis a elaboración do tradicional "Caldo de Gloria" na súa lareira, seguindo a receita que a escritora describe no seu poema Miña casiña, meu lar.
Esta actividade, enmarcada no proxecto de consolidación do itinerario do Rexurdimento, permitiu revivir unha tradición que leva anos afianzándose en Celanova. Ademais da preparación do caldo, a xornada incluíu unha foliada na que se recitou o poema de Rosalía e contou coa participación da Banda de Gaitas de Celanova e do Grupo Lembranza Solpor.
A Fundación Curros Enríquez tamén desempeñou un papel fundamental na difusión do evento entre a hostalaría local, distribuíndo material e poemas da autora aos 21 establecementos que se sumaron á iniciativa. Durante todo o día, restaurantes, cafeterías e bares de tapas de Celanova ofreceron o "Caldo de Gloria" nos seus menús ou como acompañamento ás consumicións, achegando así a figura de Rosalía a veciños e visitantes.
Con esta celebración, Celanova reafirmou o seu compromiso coa memoria e o legado de Rosalía de Castro, manténdoos vivos a través da cultura e da tradición.