A Fundación Otero Pedrayo entregou os premios anuais para estudantes de Secundaria e Bacharelato

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou este xoves na entrega dos galardóns da cuarta edición do Premio Otero Pedrayo para estudantes de Secundaria e Bacharelato, un certame impulsado desde a Fundación Otero Pedrayo co apoio da Xunta de Galicia para fomentar o coñecemento desta figura singular entre a mocidade.
No acto, que tivo lugar na Casa Museo do escritor, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude gabou os traballos de todos os participantes pola variedade e a calidade dos proxectos presentados. Neste senso, destacou “a importancia de colaborar con este tipo de certames que promoven o coñecemento das letras galegas e dos persoeiros máis destacados da nosa literatura”.
Así mesmo, o secretario xeral da Lingua incidiu no compromiso da Xunta de Galicia coa promoción da lingua galega entre a mocidade e en contextos moi variados, tal e como se está a reflectir no traballo do Goberno autonómico co proceso que se iniciou ao abeiro do Pacto pola lingua e que continúa no marco da renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, no que se está a traballar nestes momentos.
Alumnado premiado
Nesta cuarta edición do Premio Otero Pedrayo, o Instituto Aquis Querquernis, de Bande, fíxose co galardón na categoría de Bacharelato coa peza audiovisual Bocarribeira, das alumnas Marta Bouzo e Aldara Rodríguez. No caso do alumnado de educación Secundaria, o podcast de humor e actualidade O borracho, do Instituto Alexandre Bóveda, de Vigo, foi o proxecto premiado. Ademais, o xurado acordou recoñecer cun accésit o traballo titulado Fálase tanto... e con tan pouco tino, do Instituto Breamo, de Pontedeume.