A Fundación Otero Pedrayo remata o ano poñendo en valor a figura do escritor na provincia de Ourense
O padroado da Fundación Otero Pedrayo reuniuse esta semana no Pazo de Trasalba, nun encontro que pon fin ás actividades deste organismo durante o ano 2024.
Os membros do padroado decidiron neste encontro quen será galardoado co Premio Trasalba 2025, que será comunicado proximamente.
Entre as principais actividades da Función, que ten como principal obxectivo manter o legado de Ramón Otero Pedrayo, destacaron este ano a entrega do premio homónimo á Coral de Ruada ou a posta en marcha, por primeira vez, do Premio Otero Pedrayo de relato curto para adultos, no que poderán participar autores e autoras maiores de 18 anos que presenten un relato breve inédito en lingua galega, cunha extensión máxima de 2.000 palabras. Dende a Fundación lembran que o prazo para presentar os traballos continúa aberto.
Posta en valor do legado de Otero Pedrayo
Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) é unha das figuras máis destacadas da literatura e da cultura galegas do século XX. Nado en Ourense, Otero Pedrayo desenvolveu unha prolífica carreira como escritor, historiador, xeógrafo e político, converténdose nun referente esencial para o galeguismo e a recuperación da identidade cultural de Galicia.
Hoxe en día, a súa casa-museo en Trasalba, no concello de Amoeiro (Ourense), preserva o seu legado e é un punto de encontro para quen desexe achegarse á súa obra e á súa vida. Ramón Otero Pedrayo deixou unha pegada imborrable na cultura galega, lembrándonos a importancia da memoria e da identidade na construción do futuro.