A Fundación Vicente Risco convoca a 30ª edición do Premio de Ciencias Sociais

OurenseXa
O prazo para presentar os traballos remata o 28 de febreiro
premio-vicente-risco-ciencias-sociais
10 Dec 2025

A Fundación Vicente Risco vén de anunciar a convocatoria do XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, un galardón dotado con 6.000 euros co obxectivo de honrar a figura do intelectual ourensán e fomentar a cultura galega, así como os vínculos entre Galicia, Portugal e o conxunto da lusofonía.

Na organización do certame participan tamén os concellos de Allariz, Castro Caldelas e Melide, a Deputación de Ourense, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, ademais da Caixa Rural Galega e da empresa Daveiga.

O premio está aberto a calquera persoa, independentemente da idade ou nacionalidade, que presente un traballo orixinal e anónimo en galego ou portugués. As obras deben centrarse en temas relacionados con Galicia e/ou o Norte de Portugal desde a perspectiva das ciencias sociais (antropoloxía, socioloxía, historia, lingüística, xeografía, economía, turismo ou arqueoloxía) e ter unha extensión de entre 125 e 250 páxinas, e deberán remitirse ao correo da fundación antes do 28 de febreiro de 2026.

O xurado estará composto por oito persoas vinculadas ao ámbito cultural e ás ciencias sociais, designadas polas entidades organizadoras. A súa composición farase pública na segunda quincena de maio de 2026. A decisión final, que será inapelable, anunciarase no mes de xuño e difundirase a través das redes sociais da Fundación Vicente Risco.

⚙ Configurar cookies
0.087977886199951