A gastronomía ourensá volverá a promocionarse no Salón Gourmets da man da Deputación

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, volverá a participar un ano máis no Salón Gourmets para ofrecer unha plataforma de comercialización a pequenos produtores e microempresas da provincia. No marco da 39ª edición desta feira, que se celebra do 13 ao 16 de abril, a institución provincial dará a coñecer a calidade agroalimentaria da provincia a través dun showcooking e de dez micro empresas, que estarán participando como coexpositores no stand de Ourense para exhibir os seus produtos gourmet.
Desde a Deputación destacan que a participación da provincia nesta Feira de Alimentación e Bebidas de Calidade, de referencia para o sector, responde ao obxectivo do goberno provincial de promover accións que impulsen os produtos agroalimentarios que xeran valor engadido ao territorio, facilitándolles ademais aos pequenos produtores ourensáns novas plataformas de promoción e canles de comercialización.
As empresas que están como coexpositores no stand da provincia de Ourense en Salón Gourmets 2026, que estará ubicado no Pavillón 6 stand 6B30, pertencen a diferentes sectores agroalimentarios. Así, o viño terá un papel destacado da man de Adegas Celme de Castrelo de Miño, Montebello Partnerw de Ourense, Vinos Siah da empresa Isabel Salgado Family Estate de Leiro, e Bodegas SGS Ourense (Dvagar) tamén de Leiro.
No apartado doce estarán os xeados artesáns de La Central Heladera de Ourense, as galletas “Pitucas” de Burgano Delicatessen de Ourense, ou as bicas de castaña da cooperativa Sofragal de Nogueira de Ramuín.
Por último, exporán as súas conservas e patés gourmet a empresa Mareterra Conservas de Esgos, as masas da empresa Crust and loaf (La Pinsa di Nico) de San Cristovo de Cea, e a Asociación Sabores de Trevinca da Veiga promocionará produtos locais como a faba loba, queixos e mel, entre outros.
Ademais dos stands, haberá unha degustación baixo o título “Maridaxe gourmet: esencia da provincia de Ourense” da man do chef e “mestre pulpeiro” Paco Gómez, especialista en gastronomía tradicional galega, en representación da Asociación de Amigos da Cociña Galega.
A Feira Internacional de Alimentación y Bebidas de Calidad espera sobrepasar as cifras do ano pasado, presentando máis de 55.000 produtos, dos cales máis de 1.500 serán novidades. Estiman unha cifra de 110.000 visitantes profesionais, máis de 15.000 compradores estranxeiros e xerarase un volume de negocio que superará os 250 millóns de euros.