A II Carreira pola Igualdade de Barbadás foi todo un éxito

Este domingo, 16 de marzo de 2025, Barbadás celebrou a II Carreira pola Igualdade, cun gran éxito de participación, tal e como confirman dende o Goberno municipal.
A proba, aberta a toda a cidadanía, sen importar a idade ou as condicións físicas, contou cun percorrido de 5 quilómetros polas rúas da Valenzá no que participaron centos de persoas. Ao rematar, o Concello realizou un sorteo no que repartiu máis dunha vintena de agasallos entre as persoas inscritas.
A característica máis destacada desta carreira é a súa natureza inclusiva. O evento non só está aberto a corredores, senón tamén a todas aquelas persoas que prefiran realizar o percorrido de diferentes formas, como camiñando, en cadeira de rodas, andador, bicicleta, patíns ou patinetes. Esta iniciativa busca facilitar que todas as persoas, independentemente das súas capacidades, poidan gozar dunha xornada deportiva e de convivencia.