A III BTT Allariz consolidouse como a gran festa do ciclismo da vila

Os clubs Asocial e CC Allariz, en colaboración co Concello, organizaron este pasado domingo, 28 de setembro, a terceira edición da BTT Allariz. A proba, de carácter non competitivo, volveu converter a vila nun punto de encontro para os amantes da bicicleta e da natureza.
O evento contou con dous percorridos adaptados a diferentes niveis: unha ruta máis accesible, de 23 quilómetros, e outra de maior esixencia, de 45 quilómetros. O obxectivo foi facilitar a participación de ciclistas de todas as idades e condicións físicas.
O concelleiro de Deportes, Carlos Puga, destacou que esta cita é “unha oportunidade para fomentar a actividade física e os hábitos de vida saudables, ao tempo que poñemos en valor o noso territorio a través da práctica deportiva”.
Desde o Concello trasladaron o seu agradecemento a todas as persoas participantes, colaboradoras, voluntarias e seguidoras que fixeron posible a organización. Tamén tiveron unha mención especial as entidades e comercios locais que contribuíron cos agasallos entregados: Alarico, O Portelo Rural, A Acea da Costa, Mel da Ziralla e Anxiños Atmósfera Sport.
Un ano máis, a BTT Allariz consolidouse como unha festa do ciclismo e unha ocasión para compartir unha xornada de lecer entre amigos e familias.