A III San Silvestre de Maceda regresa para despedir o ano

O Concello de Maceda organiza a terceira edición da carreira da San Silvestre que transcorrerá polas rúas da vila de Maceda, tendo a saída e a chegada na Praza das Toldas de Maceda, o día 31 de decembro.
Poderán participar desde a idade de 2 anos en adiante sempre acompañados dos seus pais ou familiares autorizados polos mesmos.
A saída da proba terá lugar ás 12.00 horas e os participantes percorrerán unha distancia total de 5 quilómetros, tendo que completar dúas voltas ao percorrido, que é de 2,5 quilómetros. Ademais, haberá un segundo percorrido de 500 metros que sairá ás 12.15 horas.
A inscrición é de balde e o prazo estará aberto ata o día 30 ás 15.00 horas. En caso de quedar prazas, as persoas interesadas poderán anotarse o mesmo día da proba. A recollida dos dorsais farase o mesmo día 31 de decembro do 2024 na Praza das Toldas de Maceda no horario de 11.00 a 12.00 horas.
Dende o Concello animan aos veciños e veciñas a participar nesta proba, na que poderán ir disfrazados, para despedir o ano dunha forma saudable e divertida.