A licitación para construción do edificio de Enxeñaría Aeroespacial en Ourense terá un custo adicional dun 21%
O reitor da UVigo, Manuel Reigosa confirmou a pasada semana na derradeira sesión do Consello de Goberno do curso 2023/2024 que, logo que o concurso para construción do edificio de Enxeñaría Aeroespacial quedase deserto, a licitación xa está preparada para saír de novo cun custo adicional dun 21% e “que así non quede deserto, porque temos que xustificalo ante a Xunta. Espero que sexamos quen, a través de acopios de facer a xustificación correspondente a este ano”, dixo o reitor, que tamén recoñeceu que “imos xustos pero imos ver se entre todos somos quen de acelerar o proceso”.
Reigosa tamén confirmou que se segue a traballar, agora co novo conselleiro de Sanidade, para acadar un acordo para a creación da Facultade de Enfermaría o antes posible, que manifestou agarda que poida comezar a impartir o primeiro curso do grao no curso 2025/2026.
Por outra banda, na sesión tamén se deu luz verde ao Plan Estratéxico de Campus da Auga, no que aparecen recollidas as súas liñas estratéxicas de investigación (alimentación funcional; agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal); gobernanza; detalle dos 14 grupos e investigación que o integran; así como o plan de acción para o período 2024/2027 e os indicadores fixados pola Xunta para o seu seguimento.