A Mancomunidade Terra de Celanova recibiu preto de 45.000 euros para a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero

A Mancomunidade Terra de Celanova recibiu preto de 45.000 euros para a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero na pasada convocatoria de axudas da Xunta para financiar este tipo de actividades, ás que a Consellería de Política Social e Igualdade destinou un total de 430.000 euros repartidos en 10 municipios e 2 mancomunidades da provincia de Ourense.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse á sede da Mancomunidade, onde aproveitou para informar ao seu presidente, Jaime Sousa, que a Xunta vén de lanzar unha nova convocatoria destas achegas dirixida aos concellos galegos, mancomunidades e consorcios locais de Galicia, co obxectivo de facilitar a inserción laboral das mulleres que sofren violencia de xénero como parte do seu proceso de recuperación e integración social. Esta orde, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, está financiada a través dos fondos finalistas dos Estado, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero; e o prazo para a presentación de solicitudes rematará o próximo 27 de febreiro.
A contía por cada muller contratada a tempo completo é a equivalente a sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de 12 mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social por conta da entidade empregadora, neste caso os Concellos, na mesma cantidade que a fixada para o salario.
A medida busca contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
Na provincia de Ourense, na última convocatoria destas axudas, foron beneficiarios os concellos de Celanova, Ribadavia, Bande, A Veiga, Carballeda de Avia, O Barco de Valdeorras, O Pereiro de Aguiar, Verea, Boborás, Barbadás, e as mancomunidades Terra de Celanova e Conso- Frieiras.